Garanten a boa calidade das augas da praia de Raxó tras a última vertedura
Por Redacción
As análises realizadas na praia de Raxó nos últimos días descartan que a vertedura detectada sexa tóxica. A concellería de Medio Ambiente confirmou que se trataba dun produto xaboeiro polo que garanten tanto a veciños como a turistas que a calidade das augas é óptima para o baño e poden usar este areal sen problema algún.
Estas análises constataron que son, practicamente nulas, as posibilidades de que existan conexións incontroladas de vivendas á rede, ao terse modificado recentemente o trazado por mor das inundacións xeradas na época invernal nunha vivenda edificada no seu canal.
Non obstante, por parte desta concellería estase procedendo á verificación de todo o trazado para descartar a existencia dalgunha conexión clandestina, que no caso de existir, recibirá a oportuna sanción administrativa.
Ademais, estase a facer seguimento dos sumidoiros da rede de pluviais conectada ao canal do regato que desemboca na praia dada a alta probabilidade de que, a través dalgún dos mesmos, se realizase a vertedura de deterxentes ou outros produtos cáusticos.
En todo caso, desde o Concello de Poio fan un chamamento a colaboración cidadá para que se adopten todas as precaucións precisas cando se manipulan, tanto para uso doméstico como profesional, estes produtos e evitar así que se produzan novas verteduras.