Seis socorristas vixían ata o 15 de setembro as dúas praias de Poio con bandeira azul
Por Redacción
Poio renovou este ano 2015 as súas dúas bandeiras azuis, que desde este mércores ondean xa nas praias de Xiorto (Raxó) e Cabeceira (Lourido). En ambas estarán operativos durante todo o verán seis socorristas, dous por areal por quendas para poder cubrir un horario continuado de 11.00 a 20.00 horas.
O alcalde, Luciano Sobral, realizou o primeiro izado simbólico deste ano en Xiorto nun acto no que lle acompañaron os dous socorristas que vixiaban a praia na mañá deste mércores e polo concelleiro de Medio Ambiente de Poio, Ángel Lodeiro. Tras o acto explicaron que os socorristas están xa operativos dende o 22 de xuño e seguirán traballando ata o próximo 15 de setembro.
A maiores, hai operativas dúas lanchas pneumáticas que prestan atención puntual no resto dos areais do municipio, nos que non hai socorristas de forma permanente, para que tamén teñan un maior grado de seguridade.
Sobral mostrou a súa satisfacción polas dúas bandeiras azuis do municipio, que no caso de Xiorto mantense desde hai nove anos. Avanzou que a intención do Concello é loitar agora por conseguir unha terceira bandeira para a praia de Laño. No caso dese areal, cumpre as condicións necesarias en canto a cuestións como accesibilidade ou servizos, pero falla na calidade da auga, que consegue a cualificación de "suficiente" ou "boa", pero necesita ter a de "excelente".
O alcalde augura que este verán será bo para o Concello de Poio en canto a recepción de turistas. Así o fan pensar as previsións de ocupación e o movemento que el vai vendo polo municipio dende hai semanas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo renuncia a izar as bandeiras azuis de Bascuas, Pragueira e Lapa
Por Redacción |
-
Garanten a boa calidade das augas da praia de Raxó tras a última vertedura
Por Redacción |
-
Sanxenxo busca desesperadamente aspirantes a cubrir sete prazas de socorristas
Por Redacción |
-
Sanxenxo suma o maior número de praias con bandeira azul, Marín logra unha cuarta para O Santo
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas fai historia conseguindo a primeira bandeira azul para unha praia fluvial
Por Oskar Viéitez |