Activado o dispositivo de seguridade para previr furtos nas rebaixas
Por Redacción
A Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra establece dende este luns 7 de xaneiro un dispositivo policial especial para garantir que as rebaixas de inverno transcorran co menor número de incidentes delituosos para compradores e comerciantes.
O dispositivo está integrado por axentes uniformados e de paisano que patrullarán dende este luns as rúas máis comerciais da cidade para a prevención dos pequenos furtos que proliferan durante cada período de rebaixas.
Ademais de reforzar a presenza policial na rúa, dende a Policía Nacional dan consellos a cidadáns e comerciantes para que non sexan vítimas dos furtos tan habituais nestas épocas de saldos.
Aos comerciantes recoméndanlles que presten especial atención nos momentos en que varias persoas entran en grupo ao establecemento e algunha acapa a atención dos empregados. O consello policial é que non se pode perder nunca de vista a caixa rexistradora, aínda que haxa que desprazarse pola tenda para atender o requirimento dalgún cliente, e, se fose posible, tampouco os obxectos expostos no comercio.
Para os viandantes o consello é que se queren evitar ser vítimas dun furto mentres pasen pola vía pública, o prioritario é asegurar as nosas pertenzas. No caso das mulleres, os bolsos de man deberán ir cruzados na parte dianteira e dentro deben levar o imprescindible e nunca obxectos de gran valor (grandes cantidades en efectivo, xoias, talóns etc.). En canto aos homes, no caso de levar billeteira, o recomendable é que estea no peto dianteiro, a poder ser interior.
Se a pesar das precaucións o cidadán é vítima dun furto, será importante, de cara a presentar a correspondente denuncia na Comisaría, reter os máximos datos posibles dos autores: cantos eran, idade aproximada, descrición física, que vestían, se tiñan un acento determinado ou se levaban marcas, tatuaxes, pendentes ou piercings.
Ademais, se logran subtraer a carteira ou o bolso o consello é que se de aviso inmediato ás entidades bancarias ás que están asociadas as tarxetas de crédito para dalas de baixa, pois en apenas unhas horas os delincuentes poden facer cargos ata esgotar o saldo.