Cotobade súmase á moda dos "lombos" para mellorar a seguridade viaria na N-541
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os veciños da parroquia de Tenorio en Cotobade verán mellorada a súa seguridade viaria grazas ás obras que se están acometendo durante estes días na estrada nacional 541 coa instalación de "lombos" e de nova sinalización.
A reforma desta travesía converteuse nunha prioridade para o goberno local que lidera o alcalde Jorge Cubela, que buscou medidas para acougar o tráfico que percorre este tramo. Desta forma, os traballos que levan a cabo céntranse na instalación de seis "lombos" (pasos elevados) que ofrezan seguridade aos peóns no momento de cruzar a calzada.
O proxecto tamén contempla a implantación de sinais, tanto horizontais como verticais, para alertar da presenza de pasos de peóns e que marcan un límite de velocidade en 30 quilómetros por hora. Ademais tamén se incorporarán cubrecolectores, unhas cubertas de madeira para envolver os depósitos de lixo do lugar. Esta medida busca mellorar visualmente esta contorna polo que, segundo manifesta o alcalde, circulan numerosas persoas ao longo do día.
O orzamento das obras ascende a 74.000 euros e está financiado totalmente pola Deputación provincial.