A tartaruga "Rostro" deixa o Acuario do Grove para voltar ao mar
Por Redacción
As costas de Galicia supoñen un paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas que procedentes das áreas de cría do Caribe se distribúen polo Atlántico ao longo da súa longa vida, para voltar a reproducirse nas praias de orixe.
A tartaruga mariña "Rostro" foi localizada despois dun forte temporal en marzo de 2014 na praia de Rostro, Fisterra, e presentaba graves laceracións nas patas, causadas por aparellos de pesca, sobre todo cunha gravísima estrangulación da aleta anterior esquerda por causa dunha liña que lle cortou o perímetro da aleta ata o oso.
O exemplar mediu no momento de varamento 30 centímetros.
Unha vez transladada á UCI de tartarugas mariñas da CEMMA, o exemplar foi recuperándose paseniñamente e pechando as feridas, o que descartou a amputación da aleta e garantiu a recuperación para poder ser liberada ao mar. A lenta recuperación das feridas conlevou o translado a unha instalación con maior capacidade para que o animal puidera nadar e alimentarse adecuadamente. Así foi transladada, a finais de 2014, ás instalacións do Acuario do Grove, onde neste momento está a vivir as últimas semanas da recuperación, alimentándose e collendo forza e peso para poder abordar a súa vida libre.
Neste momento, o exemplar acada 40 centímetros de lonxitude e máis de catro quilos de peso, o que indica que a súa situación é moi favorable, estase en espera da recepción da alta veterinaria para poder liberala, mentras se está xestionando unha marca satélite que permitirá un seguemento da súa evolución unha vez sexa liberada.
O exemplar será embarcado este martes na embarcación do servizo de Gardacostas “María de Pazos”, no porto de Portosín, Porto do Son, para ser desprazada a unhas 5-10 millas da boca da ría de Muros-Noia, onde será finalmente liberada nas augas abertas para que poida continuar co seu camiño cara as augas do Caribe.