106.000 euros para mellorar seis camiños de Cotobade
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, comprobou este venres 26 as obras de mellora que se acometen en seis camiños rurais deste concello, que están a ser executadas a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e Mar.
Os traballos estanse a desenvolver nos camiños da Graña, de Carballiños, As Rañas, Insuela, ou Couto e Parada cun presuposto global de 106.000 euros. Estas obras buscan a mellora dos accesos a núcleos rurais garantindo a seguridade vial, executándose ensanches e pavimentacións para lograr uns camiños rurais en mellores condicións.
Realízanse limpezas enerxéticas de superficie do pavimento mediante cepillo de arame e a aplicación de novas capas de rodaxe. Con estes traballos acádase a mellora dun total de case dous quilómetros de camiños rurais no concello de Cotobade, beneficiando así a máis de 200 veciños, facilitando o acceso a terreos e lugares, segundo a información da Xunta de Galicia.
Realzáronse tapas de rexistro en todas as vías e levouse a cabo o repintado horizontal dos camiños. No caso do vial da Graña foi necesario reconstruír un muro mentres que no camiño de Carballiño se construíu unha cuneta triangular con formigón de 20 centímetros de profundidade.