Susto por un incendio forestal próximo a unha casa en Poio
Por Diego Torrado
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir na noite deste xoves para sufocar un incendio forestal que se declarara nas proximidades dunha vivenda de Poio. A pesar de que se trataba dun lume forestal, a súa intervención foi necesaria porque os medios de extinción de incendios da Xunta de Galicia estaban noutras actuacións e porque tamén estaba comprometido un inmoble.
Segundo informaron dende o Corpo de Bombeiros, o lume rexistrouse pouco antes das 23.30 horas no lugar da Puntada, na parroquia de San Salvador de Poio, unha zona próxima ao acceso á autoestrada AP-9 dende a rotonda de Lourido.
O lume afectou a unha superficie duns 400 metros cadrados de madeiros e matogueira e, finalmente, non chegou a afectar á vivenda en cuestión. Tras unha hora e medio de traballos de extinción, os bombeiros deron por controlado o lume sobre as 1.00 horas da madrugada deste venres.