"As redes sociais teñen os seus riscos, pero na xestión de emerxencias teñen vantaxes innumerables"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Recíbenos no seu despacho da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a "nena bonita" da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia dende que Luis Menor se converteu en novo responsable o 15 de novembro de 2014, "un regalo" que lle chegou co cargo e que lle deu "moito traballo pero, ao mesmo tempo, moitas satisfaccións". Unha delas acontecerá este sábado, 20 de xuño, coa celebración das xornadas 'O voluntariado de Protección Civil, elemento necesario no sistema integrado de Protección Civil e Emerxencias', nas que se darán cita 600 voluntarios chegados de toda Galicia, uns 200 de Pontevedra.
Estamos, na súa opinión, na semana grande da Academia. É moito dicir nun centro formativo que nos últimos meses se dinamizou.
Debido a diversas circunstancias, a que o director xa non fora presencial aquí, que xa non houbese secretario, o certo é que a academia no momento en que eu a collo, en final de ano, as actividades baixaran dun xeito importante. Que acontece? Eu intento primeiro formar un equipo sólido, marcar uns obxectivos claros e deseñar unha oferta formativa e a verdade é que nos desbordou. No momento en que fas unha formación axeitada, transparente, na que se ten en conta o usuario, a xente responde e respondeu magnificamente. O ano pasado pasaron por este centro aproximadamente 5.000 alumnos, esta semana van pasar preto de 2.000. Outro dato: o salón de actos abríase tres ou catro veces ao ano e esta semana ábrese tres veces. Creo que son dous indicadores que demostran que a Academia colleu un ritmo importante e que estamos no camiño axeitado.
Sentáronse as bases dunha nova etapa formativa. Cales serán os seus eixes?
Onde quizais innovamos máis é en materia de emerxencias e protección civil. Aquí optamos por dúas vías moi claras. Unha é que a formación non regulada, os cursos que se fan illadamente, fosen orientados á obtención da cualificación profesional. Por outro lado, estamos a traballar en dúas accións formativas reguladas que constituirían un avance moi importante: ser o centro que impartira a nova titulación de grao medio en Salvamento e Socorrismo e o novo ciclo de grao medio de Técnico en Protección Civil e Emerxencias.
Non sería necesario formar tamén o cidadán para que saiba actuar nesas emerxencias e saiba como axudar e non entorpecer na actuación?
Nese punto, a través das agrupacións de voluntarios, estamos sobre todo atentos a calquera requirimento. Hai campañas de autoprotección con consellos sobre como actuar ante unha emerxencia, hai modelos e protocolos dispoñibles na páxina do 112. Ese labor pedagóxico estase a facer. Non obstante, unha das cousas que pretendemos é modernizar a comunicación coas novas tecnoloxías e co cidadán e do cidadán cara a nós. Hai toda unha serie de recursos e novas tecnoloxías que nos poden axudar e que estamos a explorar.
Nestes momentos é case imposible que aconteza un accidente ou un incendio sen que un cidadán colgue un tweet ou unha publicación en Facebook. De que forma pode afectar a este novo escenario á xestión das emerxencias?
Axudar axuda seguro, o que que pasa é que temos un risco importante que é a posibilidade de que as novas tecnoloxías se poden utilizar indebidamente. Podes comunicar algo que é real, pero tamén podes propagar un conto que xere unha alarma innecesaria e unha resposta que non é necesaria. Ese é un risco que nós corremos e temos detectado e hai institucións e asociacións coas que estamos a falar e que nos poden permitir ter seguridade niso.
Vostede é unha persoa moi activa en redes sociais, cre que todo o mundo sabe utilizalas? Como se pode mellorar ese uso?
Esa é unha das grandes innovacións desta etapa. En redes sociais Emerxencias tiña moi pouca presenza ou practicamente ningunha. É certo que a administración á hora de participar nas redes sociais ten que ter en conta uns requirimentos que fan que esa participación sexa máis lenta ou encorsetada que a que podería ter unha persoa particular, pero somos realistas, dámonos canta de que calquera cousa que facemos a través das redes sociais ten unha repercusión inmediata. Acabamos de dar o primeiro curso sobre redes sociais e emerxencias na Academia e nesta xornada de Protección Civil hai unha comunicación específica. O que queremos é que isto non sexa flor dun día, senón que aquí xurda un novo diálogo do que poidamos detectar cales son as necesidades e intereses das agrupacións e entre todos marcar unha folla de ruta moi clara. Nesa comunicación bidireccional entre o que facemos e o que queren os voluntarios é onde xogan un papel importante as redes sociais.
Cales son os principais perigos que vostede ve no uso das redes sociais na xestión de emerxencias?
Os que vemos todos, que se poida poñer en perigo a privacidade das persoas, que se poidan suplantar personalidades, que poida haber insultos, contos, un uso indebido, que se poida usar coa finalidade da mentira.
Malia todo, cre que poden axudar...
Si poden axudar. Eu estou convencido. Non son un tolo das redes sociais, pero si é certo que recoñezo a súa utilidade. Creo recordar agora mesmo que non tiven ningún episodio desagradable ou insulto a través das redes sociais e, non obstante, moitos episodios nos que che suxiren cousas, danche ánimo. Polo tanto, a miña experiencia neste momento en redes sociais é francamente positiva, é certo que existen riscos, pero se poden controlar. Necesitamos actualizar un pouco a imaxe de Protección Civil e nesa actualización da imaxe xogan un papel importante un bo uso das redes sociais. Estamos a palpar en primeira man que iso é así. Teñen os seus riscos, evidentemente, pero eses riscos haberá que minimizalos e, dende logo, as vantaxes que teñen son, ao meu xuízo, innumerables.
Ademais da formación, outro dos eixes centrais da Dirección Xeral nesta nova etapa está a ser a prevención de risco, cunha aposta polos plans preventivos. Cal é a súa liña de traballo neste campo?
Sempre centramos o foco da Protección Civil e as emerxencias no operativo que se desencadea cando acontece un accidente, pero máis importante que dar unha resposta ante un feito que aconteceu é prever. Nese apartado estamos a actuar dun xeito importante. Como fitos fundamentais, elaboramos e posto en funcionamento plans de emerxencia exterior de industrias que xeran risco para as poboacións. Realizamos simulacros en Foresa en Caldas e Vilagarcía, por exemplo... Este ano fixemos o plan de protección de Alcoa, na refinaría de Repsol na Coruña, estamos a traballar na planta de Lourizán....
En que situación está nestes momentos o plan de prevención de Ence na fábrica de Lourizán?
Estase a elaborar este. En principio hai dúbidas sobre se hai que facer un plan exterior ou non e estamos a traballar con iso. Outra planificación importante é a que se realiza en materia de incendios forestais. Modernizamos o plan, que xa tiña uns anos.
Aproveitándonos das redes sociais, díganos en 140 carácteres cal é o seu consello de seguridade de cara ao verán.
Ademas de respectar as normas de autoprotección, dende logo, confiar no sistema de emerxencias.
E aínda lle sobran 40.