Os peritos corroboran a presenza de seme dun acusado de abusos na roupa da filla da súa moza
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A Fiscalía reiterou este martes a súa acusación contra o veciño de Cambados Ramiro T.M. por un delito continuado de abusos sexuais con penetración do que a suposta vítima é unha menor filla da súa antiga parella e elevou a definitivas as súas conclusións iniciais, nas que pedía que fose condenado a 12 anos de prisión e se lle prohibise achegarse a menos de 500 metros da menor ou comunicarse con ela durante 15 anos.
Este martes retomouse na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo contra Ramiro T.M. que comezara a semana pasada, pero non puidera finalizar ao faltar a declaración de varios peritos. Tras a intervención destes especialistas por videoconferencia, as partes realizaron as súas conclusións e informes finais e o caso xa quedou visto para sentenza.
Os peritos confirmaron os datos que xa se deran a coñecer durante a primeira sesión da vista oral, que os investigadores deste caso localizaron en varias pezas de roupa da menor restos de seme do acusado. En concreto, o perfil xenético de Ramiro T.M. coincide coas manchas de esperma que apareceron nunhas bragas e as pezas dun pixama da suposta vítima.
A fiscal do caso, Carmen Novo, considera "suficientemente acreditados" os feitos e dá total credibilidade á declaración da menor, que entón tiña 12 anos e agora, con 15, declarou a porta pechada na primeira sesión do xuízo na Audiencia. Segundo explicou, o seu relato do sucedido mantívose dende a fase de instrución deste procedemento e contou como foran eses abusos sexuais con penetración, que acontecían cando ela quedaba a soas co que entón era o noivo da súa nai na súa casa de Cambados.
O acusado mantivo unha relación sentimental coa nai da menor dende o ano 2009 e dende finais de 2012 ata abril de 2013 pasou varias fins de semana e as tardes dos martes co procesado na súa casa porque ía montar a cabalo. Mentres, a nai quedaba na súa casa de Pontevedra por motivos laborais. Nesas ocasións, encontrándose a soas, segundo o relato da menor, abusou sexualmente dela.
Segundo mantén a fiscal, o acusado dicíalle a vítima que "estivera calada" acerca das relacións carnais, e realizou os feitos prevaléndose dunha situación de superioridade, por ser compañeiro sentimental da nai da vítima e por ser tratado como un pai por parte da vítima e realizar os feitos cando ambos os dous estaban a soas no domicilio do acusado. Fronte a todas estas acusacións, o home mantivo a súa inocencia e explicou que o seu seme apareceu na roupa da menor porque, tras manter relacións sexuais, adoitaba limparse coa roupa sucia que tiña nunha cesta ao lado da lavadora.
A menor sufriu estrés postraumático agudo e precisou terapia psicolóxica e asistencia sanitaria, pero non presenta trastornos e/ou secuelas de carácter psiquiátrico/psicolóxico que afecten ao desenvolvemento integral da personalidade. A fiscal pide que o acusado a indemnice polo importe das sesións de terapia psicolóxica que precisase, así como 6.000 euros polo estrés despois de producirse os feitos.