Carlos Boullosa non tomará posesión como concelleiro do PP de Cotobade
Por Redacción
O número 7 da candidatura do PP de Cotobade, Carlos Boullosa, renuncia á súa acta de concelleiro electo e non tomará posesión no pleno do próximo sábado.
Segundo informaron fontes oficiais do PP, Boullosa quere centrarse no seu labor como secretario das Escolas Deportivas de Cotobade á que pertencen 120 nenos.
O propio Carlos Boullosa declarou que "tomei esta decisión por responsabilidade, para centrarme no meu labor á fronte das Escolas Deportivas e do equipo de fútbol local. Nun momento importante para Cotobade pola aposta deportiva da Directiva, dos pais e nais, así como o Concello, quero manter o grado de compromiso para rematar a temporada coa mellor éxito. Seguirei colaborando e sobre todo trasmitindo as demandas en materia de deporte ao Concello".
Carlos Boullosa quere ser unha peza importante para seguir coa grande labor feita dende as categorías base do Club Escolas Deportivas de Cotobade, unha vez que se acadaron éxitos nunca antes conseguidos, como a consecución de diferentes campeonatos de liga en distintas categorías, así como o poder xogar a fase de ascenso do equipo de Terceira Rexional a Segunda Rexional neste verán.
O escano de Carlos Boullosa pasará a ocupalo Javier Lois Abal.