Como se preparou Pontevedra contra Francis Drake? O Arquivo Municipal abre unha exposición ao público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Arquivo Municipal de Pontevedra, situado nos baixos do edificio que ocupa o Colexio Froebel, abre unha exposición para que os veciños coñezan os documentos, fotografías e licenzas relacionados coa historia do municipio, inaugurada con motivo da celebración do Día internacional dos Arquivos.
O responsable do servizo, Enrique Sotelo, indicou que a partir do inicio do curso escolar vai promover as visitas de nenos para que coñezan como funciona o Arquivo: "Aquí van a ver la vida en el papel pero son vidas de personas", indicou Sotelo que engadiu a importancia deste servizo en caso de que un cidadán non atope o plano do seu piso causándolle "un disgusto e un quebranto económico", ademais incidiu en que estes documentos preservan a memoria da cidade, "es un ejercicio de transparencia de la administración municipal respecto a sus ciudadanos", engadiu o arquiveiro.
Pola súa parte, Marga Veiga, unha das tres persoas que traballa no servizo, indicou que buscan promover o interese entre os adultos e os máis mozos nas visitas á exposición amosándolles os documentos en que se recolle como Pontevedra se preparaba en 1580 ante a visita do corsario inglés Francis Drake repartindo pólvora entre os veciños da cidade.
NOVA UBICACIÓN
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as instalacións acompañado polo concelleiro nacionalista Raimundo González e pola popular, María José Rodríguez Teso, e afirmou a intención do goberno local de trasladar este servizo ao edificio que ocupaba Facenda en San Francisco. O alcalde engadiu que tería que ser unha operación a varias bandas, co traslado tamén do Arquivo Histórico e do Provincial.
Pola contra, afirmou que a petición que realizou, tanto o Concello como a Deputación, ao ministerio de Facenda non recibiu resposta e se mantén á espera para que un edificio emblemático da cidade poida acoller toda a documentación histórica.
Dende o Partido Popular insisten na necesidade urxente de trasladar os documentos deste arquivo cara outro emprazamento para garantir a seguridade dos 250 alumnos do colexio Froebel ante un posible incendio.
Relacionadas:
-
Un colexio que garda un tesouro
Por Oskar Viéitez |
-
O Arquivo Municipal atendeu máis de 3.000 consultas durante 2015
Por Redacción |
-
O PP pide o traslado urxente do arquivo municipal situado nos baixos do colexio Froebel
Por Redacción |
-
O goberno local "saúda e apoia" a idea de Louzán para a antiga Delegación de Facenda
Por Redacción |