Posta a punto das praias do municipio de cara o verán
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Pontevedra púxose mans á obra para deixar as praias do municipio nas mellores condicións de cara o verán. Os traballos, coordinados pola concellaría de Medio Ambiente Natural, se están a centrar no areal de Praceres e nas praias fluviais de Ponte Sampaio e do río Lérez. Trátanse de actuacións que van dende a limpeza e mantemento ou reposición de mobiliario público ata a achega de area.
Os traballos na praia dos Praceres, que se iniciaron este mércores, consisten fundamentalmente na limpeza do areal, así como da retirada da herba que invade a praia no inverno. Tamén se fará unha pequena achega de area cara ás rocas para tratar de ampliar un pouco máis a praia que é moi usada por parte dos veciños do lugar durante o verán e se está a supervisar o mobiliario urbano da praia para melloralo ou repoñer o que estea deteriorado.
Na xornada deste xoves comezaron os traballos na praia fluvial do Lérez coa limpeza do areal e a achega de area de canteira para completar os arrastres das mareas durante o inverno. A area que se incorporará este ano, máis fina, é de diferente natureza que a de tempadas pasadas. O obxectivo é que a praia teña unha area máis agradable para o paseo e para o descanso. Tamén se instalarán as balizas que delimitan a praia na época estival para delimitar a zona segura de baño.
A última das praias que se acondicionará será a de Ponte Sampaio, onde está previsto que se nivele a area que durante o inverno vaise distribuíndo de modo irregular en distintos puntos da praia. Tamén se completará en aqueles puntos onde os arrastres das mareas son maiores. Igual que en Lérez faranse traballos de limpeza e mantemento xeral dos espazos comúns e de todo o mobiliario público.
Ademais, está previsto que o servizo de socorristas entre en vigor a partir do sábado 20 de xuño. No caso de Ponte Sampaio será a Cruz Vermella a que terá, durante as fins de semana, un servizo de socorrismo.