Os socorristas volven á praia fluvial
Por Redacción
O verán de 2015 comezará oficialmente ás 18.38 horas deste domingo, pero xa dende unhas horas antes, comezou de facto en Pontevedra coa posta en marcha do servizo de praias. Dende este sábado, estivo todo listo nos areais pontevedreses para acoller os bañistas.
Na praia fluvial do Lérez comezou a funcionar o servizo de socorristas, que estará operativo ata o mes de setembro en horario continuado de 12.30 a 20.30 horas. Durante os meses de xullo e agosto, polas tardes (de 16.30 a 20.30 horas, momentos nos que a praia ten máis afluencia de bañistas), o servizo estará reforzado con dous socorristas.
Durante o verán o quiosco estará pechado debido ao proceso concursal de Cogami, que tiña adxudicado este servizo, pero serán os socorristas os que abrirán os baños durante o tempo que estean de servizo.
Na praia fluvial de Ponte Sampaio remataron nos últimos días os traballos de mantemento realizados logo das desfeitas do inverno e, según informou o Concello, durante as fins de semana un servizo da Cruz Vermella vixiará o areal entre as 12.00 e as 20.00 horas. Este servizo estará operativo dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro.