O despedimento, a mellor solución que se formulan as 10 traballadoras de Los Telares en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Representantes do persoal que traballa na tenda de Los Telares situada na rúa Oliva de Pontevedra mantiveron un encontro no Concello de Pontevedra co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para transmitirlles a preocupación das dez traballadoras deste establecemento que leva máis dunha década aberto na cidade.
A central desta empresa se encontra en Avilés e en novembro de 2014, os anteriores propietarios venderon a entidade a un fondo de investimento suízo que, segundo as traballadoras, está a liquidar Los Telares. En abril presentouse un ERE que, por falta de información, as traballadoras de Pontevedra descoñecen se lles afecta e comezaron os problemas de pagamentos. Ás dez empregadas da tenda da Oliva débenselles as nóminas de abril e parte da de maio, ademais de tres pagas extra. Denuncian que a empresa debe os empresarios do local pontevedrés sete meses de aluguer.
Este mércores 3, o equipo sumouse ao segundo día desta semana de folga convocada para todas as tendas de Los Telares. As empregadas afirman que se senten abandonadas e desprezadas pola entidade. Aseguran que levan máis de dous anos, dende o concurso de acredores ao que se someteu a empresa, cobrando o 50% das nóminas a principios de mes e a outra metade a mediados de cada mes, ademais de asumir o labor de limpeza do local.
Reclaman un plan de viabilidade de inmediato pero, segundo afirmou Eva Estévez, representante das traballadoras, a mellor solución sería que as despedisen. Diana Rodríguez, da CIG, na rolda de prensa ofrecida co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que a situación á que se enfrontan estas traballadoras resulta complicada porque o Fondo de Garantía Salarial, en caso de liquidación da empresa, só se faría cargo de catro mensualidades, porque xa se fixo cargo do pagamento durante o concurso de acredores de 2012.
O alcalde de Pontevedra mostrou o seu apoio ás traballadoras e comprometeuse a poñerse en contacto coa alcaldesa de Avilés para preguntarlle detalles sobre a situación da empresa, que ten a súa central na localidade asturiana.