Tres pagas e dúas nóminas levan os traballadores de Los Telares á folga
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Tres pagas, dos nóminas y sumando". Con esta frase resume unha das traballadoras da empresa téxtil Los Telares en Pontevedra a situación que está a vivir o equipo na actualidade e que este mércores 27 de maio lle levou a unha xornada de folga en todas as tendas do país. Débenlles as tres últimas pagas extra, non lle pagaron a nómina de abril, xa lles comunicaron que non lle aboarán a de maio e encóntranse un momento de incerteza en relación co seu futuro.
Na tenda de Pontevedra hai dez traballadoras, todas mulleres e todas na mesma situación. Segundo explicou unha delas, a parte dos non pagamentos que xa acumulan, "ya sabemos que a partir de ahora no vamos a cobrar" e dende hai meses dubidan mesmo que a empresa teña un proxecto de continuidade. Por iso este mércores non dubidaron en sumarse á folga todas elas e a tenda permaneceu pechada toda a xornada.
Unha das cuestións que lle fai dubidar da continuidade da empresa téxtil é que as tendas están desabastecidas e dende hai meses practicamente non renovan o stock. De feito, "o que nos chega é, sobre todo, pezas doutras tempadas". A pesar diso, ten clientela fiel que nesta xornada de paro se reuniu ás portas do local para pescudar sobre os motivos do peche, que estaba anunciado por carteis colocados polas traballadoras.
No tenemos nada que vender a la gente", lamenta a citada traballadora, que prefire non facilitar o seu nome. De feito, deuse o caso nos últimos meses de que "mucha gente viene con la misma prenda que le intentamos vender". A tenda non está baleira porque "siempre tuvimos mucha mercancía", pero si que "las paredes se ven mucho más que antes".
Ademais, cuestionan que a tenda de Pontevedra está en malas condicións de mantemento do local, que "está que da pena", con problemas tan graves como a existencia de goteiras. Falan mesmo de problemas de pagamento ao propietario do baixo da rúa Oliva no que está situado o establecemento.
Los Telares entrou en concurso de acredores en 2012 e saíu en 2014 tras asinar un convenio que establecía unha quita da débeda e un período de carencia de dous anos. Tras iso, en novembro 2014 entrou na empresa un fondo de investimento estranxeiro que asinou un contrato de xestión da empresa por 30 anos a cambio de avalar a compra de stock. A pesar diso, a empresa non remonta e as tendas están desabastecidas, os traballadores sen cobrar e nalgunhas cidades de España mesmo se produciron desafiuzamentos.