Ábrese o prazo de 15 días para optar o aluguer do embarcadoiro en Nauta Sanxenxo
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicou na edición deste mércores 27 o anuncio de Nauta Sanxenxo para licitar o aluguer do embarcadoiro destinado ás navieiras que realizan o transporte de viaxeiros. O contrato anterior formalizado por un período de dez anos.
As firmas interesadas en concorrer a este concurso terán un prazo de quince días dende este xoves 28 para presentar as súas ofertas na sede desta empresa pública, que se encarga da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas de luns a venres e de 10.00 a 13.00 horas os sábados.
O prazo de duración do novo contrato será de catro anos, con posibilidade de prórroga por un máximo de dous anos. O presuposto mínimo de licitación ascende a máis de 27.000 euros anuais.
O prego de condicións técnicas para a autorización de uso do peirao destinado ao transporte de pasaxeiros, as embarcacións destinadas a este fin non poderán superar os 25 metros de eslora, 10 metros de manga, 3 metros de calado, 3 metros de francobordo e 150 toneladas de rexistro bruto de desprazamento.
Ademais, o uso das instalacións estará limitado ao período comprendido entre os meses de maio e setembro, ademais de 30 días naturais do resto do ano que serán fixados de mutuo acordo entre Nauta e a adxudicataria.
O peirao específico para este uso ten acceso dende o varadoiro do porto, entre o foso do travelift e o morro do dique de abrigo e foi especialmente construído para embarcacións de grandes dimensións.