Sanxenxo conxela as tarifas do parking do porto e baixa o prezo das prazas de amarre
Por Redacción
Impulsar a actividade comercial. ÿ o obxectivo que se marcou Nauta Sanxenxo cos prezos que fixou para 2015 polo uso das instalacións do Porto Deportivo Juan Carlos I, de titularidade municipal. Conxélanse as tarifas polo uso en superficie -aparcadoiro, terrazas, uso da praza do Mar- e redúcese lixeiramente o prezo das prazas de amarre, que se abaratan nun 1% con respecto ao ano anterior.
Así o acordou o Consello de Administración da empresa pública encargada da xestión deste porto deportivo.
"Entendemos que esta medida é beneficiosa para os negocios situados na área de influencia do aparcadoiro xa que propicia que os seus usuarios teñan un dos prezos máis baixos da provincia", apuntou o concelleiro Salvador Durán. Así, a taxa por minuto de estanza no aparcadoiro mantense en 0,026 euros, existindo ademais a posibilidade de obter un aboamento fóra do período estival por 31,30 euros mensuais e podendo obter reducións por longa estanza.
O vicepresidente de Nauta Sanxenxo incidiu na gratuidade da primeira hora de aparcadoiro, que se estende ao longo de todos os días do ano salvo na campaña de verán. "Isto favorece que todas as persoas que precisan realizar algunha xestión ou compra no centro da vila teñan a oportunidade de deixar os seus vehículos estacionados durante sesenta minutos sen custe algún".
Durán recordou que o aparcadoiro do porto dispón de 206 prazas de rotación e que é obxecto de melloras continuas "para ofrecer o mellor servizo posible aos usuarios nun equipamento destacado pola súa calidade como así o testemuña a concesión da Bandeira Azul e a obtención do prestixioso selo Q de Calidade".
A conxelación das taxas tamén aplicará os demais servizos do equipamento como a sala de exposicións, as terrazas, os mastros do espigón e o uso da praza do Mar.
Pola súa parte, as tarifas das prazas de amarre destinadas a tránsitos, a aquelas dedicadas a alugueres e os referentes a estanzas no varadoiro experimentarán unha baixada do 1% ao aplicarse o IPC anual que neste exercicio resultou negativo.
Relacionadas:
-
Ábrese o prazo de 15 días para optar o aluguer do embarcadoiro en Nauta Sanxenxo
Por Redacción |
-
O retorno en publicidade do convenio de Nauta con Team Campos estímase en 1,6 millóns de euros
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul
Por Redacción |
-
O Porto Deportivo logra a total accesibilidade das súas instalacións ás persoas discapacitadas
Por Redacción |