Nin rastro do Hospital de Monte Carrasco nos Orzamentos da Xunta para 2013
Por Alejandro Espiño
Uns orzamentos "austeros", que cumpren coa redución do déficit e que "blinda" o gasto social. Así define a Xunta de Galicia os Orzamentos Xerais para 2013. Trátase dunhas contas que, segundo a Conselleira de Facenda, contan cun teito de gasto de 8.479 millóns de euros, un 2,5% menos que no actual exercicio. As previsións macroeconómicas do Goberno galego apuntan a que o PIB caerá un 0,9% e o desemprego subirá ata o 21%.
Neste escenario, a suma dos investimentos da administración autonómica e dos seus organismos dependentes suporá un gasto por habitante de 778 euros en provincia de Ourense e de 767 na Lugo, mentres que á de Pontevedra destinarase 538 euros e á da Coruña 503. Desta forma, Pontevedra disporá dun investimento global directo que ascende a 518,6 millóns de euros.
O departamento máis investidor volverá ser a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para dar continuidade ou finalizar as obras en marcha na provincia de Pontevedra en materia de estradas, saneamento, abastecemento, vivenda e equipamientos públicos, destinará o próximo ano un investimento de máis de 105 millóns de euros.
Con respecto a Pontevedra e a súa área de influencia, os Orzamentos Xerais inclúen unha partida de 5,12 millóns de euros para a mellora das comunicacións entre Pontevedra e Vilagarcía. Con este diñeiro remataríase o Nó de Curro e iniciaríase a construción da Autovía entre Pontevedra e a capital arousana, para a que a Xunta reserva outros 40 millóns de euros ata 2016.
Ademais, en materia de conservación e mellora de estradas, recóllense cantidades para o desdobramento da PO-542 entre O Pino e Bora (653.000 euros), a reforma da PO-241 entre Caritel e A Lama (1,12 millóns) e o inicio da Variante de Alba, que unirá a N-550 e a PO-531. Para esta última, denominada pola Xunta Rolda norte de Pontevedra, destínanse 20.000 euros para 2013 e 8 millóns de euros para os tres anos seguintes.
Pola súa banda, inclúense, entre outras, a mellora da rede hidráulica do Concello de Marín (2,37 millóns), a culminación do saneamiento do rural da cidade de Pontevedra (1,29 millóns), a depuradora de O Grove (1,71 millóns), a promoción de vivenda de protección pública de Valdecorvos (7 millóns) e obras urbanización do barrio de Monte Porreiro (920.000 euros).
500.000 euros en 2013 para os novos xulgados
A Xunta achaca o retraso dos novos xulgados a que o Concello de Pontevedra aínda non lle entregou os terreos
Sorprende, con todo, nestes Orzamentos Xerais, que a Consellería de Presidencia destine tan só 500.000 euros para a construción do novo edificio xudicial da Parda, para o que reserva 10 millóns de euros para 2014 e outros 9,5 millóns para 2015. Achacan este atraso a que, segundo a Xunta, o Concello de Pontevedra aínda non puxo os terreos a disposición do executivo autonómico.
Pero sen dúbida moito máis rechamante é que, polo menos aparentemente, non hai rastro nos Orzamentos do Hospital de Monte Carrasco, máis alá duns 32.000 euros para expropiacións. Desde a Consellería aseguran que Rocío Mosquera, titular de Sanidade, detallará no Parlamento tralo Nadal, os investimentos do seu departamento e aí recollerase este proxecto. Pero nestes Orzamentos Xerais, onde hai partidas, entre outros, para os hospitais de Vigo, A Coruña ou Ourense, o novo hospital de Pontevedra é o gran ausente.
A falta de concretar outras partidas adicionais, os Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia para 2013 recollen tamén 6,12 millóns de euros para a ampliación do Hospital de O Salnés, outros 3 millóns para o novo centro de saúde de Marín, 202.000 euros para completar a reforma do colexio Froébel en Pontevedra, 150.000 euros para o novo CEIP de Villalonga (Sanxenxo), ou outros 150.000 euros da Secretaría Xeral para o Deporte para reformas en instalacións deportivas do Concello de Pontevedra.