Para Jacobo Moreira, os orzamentos da Xunta para 2013 son "xustos, realistas e centrados no prioritario"
Por Redacción
"Son uns orzamentos xustos, realistas e centrados no prioritario". Así define o voceiro do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira os orzamentos da Comunidade Autónoma para 2013. Salienta que, malia que a Alberto Núñez Feijoo lle tocou gobernar no peor escenario posible, "non renuncia ao seu compromiso con Pontevedra e os pontevedreses".
O voceiro popular subliña o mantemento dos principais proxectos que afectan ao municipio de Pontevedra, como o saneamento nas parroquias, ao que se destinarán 1,29 millóns de euros; as melloras no barrio de Monteporreiro, cunha achega de 920.000 euros; ou o novo edificio xudicial de A Parda. Neste sentido, di Moreira, "a Xunta está agardando a que o Concello lle faga a cesión dos terreos" e acusa ao goberno local de que "a súa deixadez neste tema é exasperante".
Ademais, Moreira incide na aposta que os orzamentos de 2013 fan pola creación de vivenda en Pontevedra, cos 7 millóns que se destinarán para rematar as vivendas sociais de Valdecorvos. Así mesmo, os orzamentos contan cunha partida de 653.000 euros para finalizar o desdobramento do nó Pino-Bora, e outros 500.000 euros para a Ponte das Correntes.
Tamén en materia de vías, avánzase, segundo o PP, na mellora da comunicación con Vilagarcía, cunha achega de máis de 5,1 millóns de euros para a autovía que unirá esta localidade coa capital da provincia. E destaca que outro dos puntos que se recolle nos orzamentos son os primeiros pasos da ronda urbana, "para os que por primeira vez se recolle nos unha partida orzamentaria que se completará nos próximos exercicios".
Novo Hospital
"En canto ao novo hospital de Monte Carrasco, cumprindo o compromiso anunciado polo Presidente da Xunta no seu discurso de investidura, continuarase durante este ano coa tramitación administrativa, presentación do Estudio de Viabilidade, proxecto e redacción dos pregos, para proceder á licitación e adxudicación no 2013", di Jacobo Moreira.
Tras citar o mantemento do apoio ao deporte, á cultura e á educación, para os que Pontevedra recibirá tamén partidas orzamentarias, o voceiro popular conclue asegurando que "trátase duns orzamentos que responden á realidade actual, atenden as prioridades e se centran no realmente importante, que son as persoas e os servizos básicos".