"Os políticos deben decidir se enterran o tren ou enterran as persoas"
Por Oskar Viéitez
A Plataforma Defensora dá Praza dos Praceres informou da sentenza en casación do Tribunal Supremo na que rexeitan os seus postulados e se abre a posibilidade de execución da opción elixida pola administración ferroviaria. Isto é, a creación de dous pasos soterrados para vehículos e persoas que dean servizo á devandita praza así como ao colexio Sagrado Corazón.
Segundo valoran dende a Plataforma, o Tribunal "non entra no dano que esta solución causa á veciñanza", xa que só se ocupa do "plano xurídico" e segundo a súa tese "se cumpre o espírito da sentenza ao anular os pasos a nivel".
Polo tanto os maxistrados do Supremo entenden que calquera das dúas opcións formuladas son válidas, é dicir, ou soterrar as vías ou habilitar un paso subterráneo para os peóns. A decisión queda en mans da Autoridade Portuaria.
"O ámbito social é materia da administración", polo que dende esta Plataforma instan aos partidos políticos a que se manifesten sobre a solución adoptada polo Ministerio de Fomento, "tendo en conta o completo rexeitamento da veciñanza".
Como resumiu o voceiro da plataforma, Eladio Torres: "os políticos deben decidir se enterran o tren ou enterran as persoas", para o que deberán ter en conta que enterrar as persoas é a solución máis custosa, dende o punto de vista económico pero sobre todo social.
Por outra parte, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo tamén desestima a petición formulada pola Plataforma pola que se solicitaba deste tribunal "acordar a execución subsidiaria da sentenza" relativa ás obras de supresión e levantamento do ferrocarril ao seu paso pola praza de Placeres. Esta Plataforma quería encargar o proxecto técnico a un terceiro a custa da Administración condenada, consistente en soterrar a vía para que fose o tren e non os veciños os que pasaran por debaixo da praza.
O fallo do Tribunal Supremo declara que a opción elixida pola Administración demandada para a execución da sentenza do 5 de febreiro de 2004 "non resulta contraria ao acordado nesta".
Ademais ordenar á Administración que informe, "polo menos, cada tres meses" sobre o estado no que se encontra a execución da sentenza e as medidas que se adopten para tal efecto.
Relacionadas:
-
Os veciños volven esixir nos tribunais o cumprimento da sentenza que ilegaliza os pasos a nivel dos Praceres
Por Natalia Puga |
-
Fomento espera ter unha solución para o paso do tren por Os Praceres no primeiro semestre de 2016
Por Oskar Viéitez |
-
O Supremo confirma enterrar os pasos a nivel dos Praceres, "crónica dunha decisión anunciada" para Mosquera
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Nacional impide que Fomento busque unha artimaña legal para manter os pasos a nivel de Praceres
Por Natalia Puga |
-
AGE asegura que o paso do tren por Praceres é un exemplo de "corrupción política ao máis alto nivel"
Por Alejandro Espiño |