Rotas as negociacións para o ERE de Treves

Por Redacción
Os representantes dos traballadores e a dirección de Treves romperon as negociacións que viñan mantendo para alcanzar un acordo sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) que a empresa ten previsto levar a cabo durante o próximo ano.
A fábrica do Campiño está formada por 151 traballadores, todos eles terían que someterse a ese ERE durante 40 días para axustarse á produción da planta PSA-Citroën de Vigo que durante o verán de 2013 deixará de fabricar o C-4 Picasso. Os representantes sindicais, encabezados polo presidente do comité de empresa David Couñago, reclamaban unha compensación salarial ante a aplicación desta regulación. Segundo apunta Couñago, ante esta situación presúmese que o vindeiro ano será conflitivo dende o punto de vista laboral.
Este venres está previsto que os representantes dos traballadores amplíen información sobre esta ruptura das negociacións nunha rolda de prensa convocada polo sindicato CIG.