De Tui a Santiago a fume de carozo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Saíron do embarcadoiro de Tui, realizaron unha proba de orientación pola zona urbana e puxeron rumbo a Santiago. Tras demostrar as súas habilidades nun percorrido topográfico, unha proba de tiro de precisión con fusil e un paso de pista de aplicación, chegaron á nova ponte de Monte Porreiro para practicar un paso de rápel voado. Pasaran tan só oito horas e 41 minutos.
O mérito é dun equipo de seis militares do Grupo de Artillaría da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) que participa no concurso de patrullas Tui-Santiago organizado pola Brigada dende este mércores 6 de maio. Van 'a fume de carozo'. Son os máis rápidos no primeiro tramo do percorrido, pero por diante teñen outros preto de 70 quilómetros do Camiño de Santiago e outras tres probas físicas máis ata chegar á praza do Obradoiro e rematar a competición e detrás séguenos outras 24 patrullas pertencentes a 15 unidades militares de España e Estados Unidos.
Ter chegado os primeiros a esta cita co rápel non os converte, nin de lonxe, en gañadores do concurso. Nin sequera se pasan o río Lérez a nado un quilómetro e medio máis abaixo e fan máis rápido que ninguén unha proba de lanzamento de lanzagranadas e un percorrido topográfico convértense automaticamente en gañadores. Á hora de determinar a mellor patrulla desta edición, como pasou nas 13 anteriores, contabilízase tanto a rapidez do desprazamento como as súas puntuacións en cada unha das probas. Tamén se ten en conta o sexo dos integrantes de cada equipo, pois hai dúas patrullas íntegramante femininas e outras dous masculinas que teñen unha patrulleira muller cada unha.
A competición volve estar este ano máis disputada que en calquera dos anteriores. Tres patrullas chegaron a Monte Porreiro con tan só 30 minutos de diferenza e todo fai prever que a marca que quedou fixada en 2015, 22 horas e 20 minutos (aos que habería que restar as dúas horas de descanso obrigatorio e os tempos de neutralización antes e despois de cada proba), se poderá igualar ou mesmo mellorar. Na madrugada deste xoves saberase, pois está previsto que antes de que volva saír a luz do sol as primeiras patrullas cheguen a Santiago.
Esta particular peregrinación militar rematará oficialmente o venres día 8 coa asistencia de todas as patrullas e mandos militares á Misa do Peregrino e a entrega da Compostela a todos os que rematen o percorrido. Atrás quedarán quilómetros, cansazo, pero, sobre todo, convivencia e unha experiencia na que os participantes se moven por "el afán de superación", segundo o brigada Costado, secretario da organización do concurso.
Este brigada, que participou catro anos consecutivos na proba, destaca a mellora do nivel da competición nos últimos anos, pois cada vez as patrullas ese están esforzando máis e este 2015, por exemplo, os artilleiros percorreron correndo dous quilómetros do polígono das gándaras de porriño. "Eso hace años era impensable".
Relacionadas:
-
O concurso Tui-Santiago da Brilat avanza cara á súa internacionalización con catro patrullas estranxeiras
Por Natalia Puga |
-
Os artilleiros da Brilat, sen rival na Tui-Santiago
Por Natalia Puga |
-
E menos de 24 horas despois... a Catedral dálles a benvida
Por Natalia Puga |
-
25 patrullas de 15 unidades militares de España e USA percorrerán o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os artilleiros da Brilat rompen os cronómetros e chegan de Tui a Santiago en 22 horas e 20 minutos
Por Natalia Puga |
-
Nin a chuvia os detén: peregrinación militar a todo gas a Santiago
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha peregrinación militar de record: a Compostelana en menos de 24 horas
Por Natalia Puga |