Cuntis recibe unha subvención da Xunta de 19.000 euros para reformar o Auditorio Patelas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia notificou este mércores ao Concello de Cuntis a concesión dunha subvención de 19.000 euros para a mellora do centro sociocultural Xosé Raído Patelas.
O presuposto total dos traballos ascenderá ata os 47.000 euros, centrándose nunha sala na prata baixa do edificio que é utilizada habitualmente como salón de actos.
Esta sala presenta diversas deficiencias que se pretenden emendar para poder usala en condicións de seguridade e eficiencia.
Entre as medidas previstas realizarase unha actuación de mellora na accesibilidade, eliminando diversas barreiras e chanzos na zona dedicada aos espectadores.
Tamén se renovará o pavimento e mellorarase a iluminación da sala, que carece de focos para iluminar o escenario.
A actuación prevista complétase coa dotación de cadeiras adaptadas, a instalación dun novo proxector e dunha pantalla.