ENCE ule mal tres minutos e medio ao día
Por Oskar Viéitez
Ao rematar a Xunta Xeral de Accionistas, o vicepresidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, fixo un aparte cos xornalistas que acudiron á cita en Madrid para atender ás cuestións "en clave pontevedresa".
"É que nós vivimos en clave pontevedresa", apuntou Colmenares, "se desaparecese a fábrica de Ence de Pontevedra deixariámonos de chamar Ence porque forma parte da nosa esencia".
Antes de ter confirmada a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán, o vicepresidente da compañía pasteira anunciou aos accionistas a execución da nova fachada da fábrica presupostada en preto de cinco millóns de euros co obxectivo de minimizar o seu impacto visual na Ría.
A isto engadiu o tratamento de augas nunha nova depuradora e reiterou o compromiso da eliminación definitiva dos malos cheiros. "Ás veces na vida hai que tirarse á piscina aínda que digan que non hai auga", comentou Colmenares. "Nós cremos que, no momento no que estamos, necesitamos o apoio dos habitantes da cidade de Pontevedra e da comarca, e temos que conquistalo. Sabemos que hai unha ampla maioría que quere que permanezamos aí, pero queremos que sexa unha amplísima maioría e para iso temos que seguir mellorando o noso comportamento ambiental".
CHEIROS CERO
"Fixemos un tremendo esforzo investidor para reducir os malos cheiros da fábrica. Hai catro anos eran uns 170 minutos ao día e o ano pasado foron tres minutos e medio, e non nos conformamos con iso. Teñen que ser cero. E aí temos que seguir investindo e hai que seguir mellorando".
"Entendemos que estamos situados nunha paisaxe marabillosa, que a Ría de Pontevedra é preciosa e que haxa xente que non lle poida gustar que haxa unha fábrica de celulosa aí que moleste e que entorpeza a paisaxe".
Neste sentido, Colmenares afirmou que o Consello de Administración de Ence espera que despois este verán se poidan iniciar as obras da nova fachada da fábrica, seguindo o deseño gañador do concurso paisaxístico organizado hai dous anos, "cunha solución moi bonita que integraba forestalmente dende o outro lado da ría o que é a fábrica de celulosa, a disimulaba e a tapaba".
"Falamos no Consello empezar xa as obras, pedir licenza, contratar o despacho de arquitectos que execute a obra e a construtora que o faga. Gustaríame empezar despois do verán e poder facelo en cinco ou seis meses".
Colmenares cre que non deberían existir problemas coa licenza de obras pola "supramunicipalidade".
NOVA DEPURADORA
Na Xunta Xeral de Accionistas tamén se informou do proxecto dunha nova depuradora na que "levamos traballando un ano coa empresa líder en tratamento de augas en Europa e seguramente en Estados Unidos".
O proxecto contempla "traballar en circuíto pechado". Ata agora a auga que a fábrica de celulosas capta no río Lérez para o seu uso no proceso industrial devólvese a través do emisario ao mar. Con este cambio, afirma que "imos reutilizar a auga en todo este proceso", co cal o vicepresidente de Ence confía en que "imos ter que facer moi pequenas achegas de auga ridículas en comparación co que achegamos agora e polo tanto esa concesión de auga que temos, e que recordarán que algunha vez en verán tivemos que ceder auga á cidade de Pontevedra, pois o auga a que renunciaremos irá en beneficio de Pontevedra e os seus habitantes. E o máis importante é que o efluente líquido desaparecerá practicamente".
SECADO DAS BALSAS DE DECANTACIÓN
Nos próximos días os responsables de Ence manterán unha reunión con Augas de Galicia para abordar o secado das balsas de decantación, mediante un tratado de residuos autorizado para o fondo das balsas e proceder ao seu posterior recheo.
Aquí Colmenares alude a incredulidade de Santo Tomás e a coñecida expresión de meter o dedo na chaga. "Nós cremos que aquí somos como Santo Tomás, cando se toca... se os habitantes de Pontevedra vedes que a fábrica está disimulada, e no ámbito está integrada, se non ule, se non colle auga, se non solta auga, se non fai ruído, se xera emprego... pois bo eu creo que: maioría absoluta!. E iso é o que perseguimos".
O vicepresidente de Ence presumiu dos bos resultados alcanzados pola factoría pontevedresa cumprindo cos máis altos estándares de calidade esixidos pola Unión Europea en materia ambiental, recordou que a pasteira xera o 16% do PIB de Pontevedra, ten 330 empregos directos e un millar indirectos cada día, sinalando que "o simple feito de seguir xa é xerar riqueza, por enriba neste país no que estamos tan afeitos por desgraza ao paro e á destrución do tecido industrial. Agora, cando contemos coa licenza para poder seguir, investiremos en crecer o cal xerará máis emprego".
CRECER UN 10%
"Nunha primeira fase queremos crecer un 10%, agora mesmo coa reforma enerxética é imposible crecer máis posto que non se retribúe a coxeración con lignina como se retribuía ao resto do mundo enteiro. Cando isto cambie, porque cambiará xa que o impugnamos ante o Tribunal Supremo, pois tiraremos para adiante. Queremos facer máis, pero para iso ten que cambiar a lei enerxética", resumiu.
"A nós gustaríanos que a cidade de Pontevedra enteira pida que sigamos e sabemos que para iso temos que seguir mellorando e o imos facer", e neste sentido Colmenares inclúe ao actual goberno capitalino conformado polo BNG e o PSOE entre aqueles que lles gustaría que cambiasen a súa opinión e pedisen a continuidade da fábrica "esperemos que si. Son xente normal, non? " e engadiu "nós estamos centrados en facer os deberes nosos e cambiar as vontades da xente".
Para que a fábrica de Pontevedra sexa competitiva o conselleiro delegado de Ence apunta que serán necesarios 71 millóns de euros, a investir en tres anos, "eu creo que a aprobación ou non aprobación da nosa continuidade se vai dilucidar nos próximos doce meses e agora a nós nos toca botar o resto".
Relacionadas:
-
ENCE volve tirar de datos para situarse como líder en Europa en respeto ao medio ambiente
Por Redacción |
-
Barullo no Parlamento pola prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Barullo no Parlamento pola prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Luis Arregui: "Ence no va a defraudar a Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |
-
Ence deféndese das últimas críticas asegurando que xera "800 empregos directos, indirectos e inducidos" na bisbarra
Por Diego Espiño |
-
Lores: "A Núñez Feijóo impórtalle un bledo o que pensan os pontevedreses sobre ENCE"
Por Alejandro Espiño |