Augas de Galicia identifica "incumprimentos" da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez
O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, recoñeceu ante unha pregunta da deputada do BNG, Ana Pontón, que ten detectado "incumprimentos" na depuradora de Pontevedra.
O director do ente público destacou na comisión de medio ambiente do Parlamento que a "solución" a este problema "pasa pola colaboración dos xestores das redes" de saneamento, "que son os concellos".
O responsable de Augas explicou que, no caso da cidade do Lérez, "o sistema de saneamento non funciona axeitadamente", con "numerosas verteduras ao longo da rede" motivadas polo seu "colapso". Isto, segundo detallou, débese ás "importantes infiltracións" que se producen "mesmo en tempo seco", e leva consigo que o funcionamento "non sexa o que debería ser".
Pola súa banda a parlamentaria nacionalista criticou a modificación da Xunta sobre o proxecto de Marín que unifica nun só tubo, fecais e pluviais destinadas á depuradora de Praceres e esixiu rigor ao director de Augas e que non exerza de " axente electoral do Partido popular".
VERTEDURA AUTORIZADA
Na mesma comisión, a socialista Patricia Vilán tamén preguntou ao director de Augas polas actuacións sobre o emisario submarino da EDAR dos Praceres, e a vertedura o pasado 11 de febreiro na ría de Pontevedra.
Gonzalo Mosquera explicou que a reparación dese emisario era "imprescindible" porque o tramo final "estaba danado" e era "inservible", polo que a administración autorizou unha vertedura previa imposición de condicións ao explotador do sistema de saneamento.
E, ao respecto das consecuencias da vertedura que se produciu, Mosquera indicou que os resultados das analíticas efectuadas polo Intecmar sobre mexillón e ameixa nos días posteriores botaron que "non causou afección significativa sobre a actividade marisqueira".
Relacionadas:
-
Técnicos da Xunta manteñen un encontro co sector marisqueiro da ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Goberno local contesta á Xunta e afirma que Augas de Galicia xa pode acceder á rede de saneamento
Por Redacción |
-
En dous meses a Xunta presentará as actuacións máis urxentes para sanear a ría
Por Oskar Viéitez |
-
Bruxelas non contempla multas pola contaminación da ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
As mariscadoras de Lourizán paran a actividade na depuradora ante unha vertedura de residuais en Praceres
Por Redacción |