Os veciños de Forzáns exaltan o sabor da cacheira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns celebrou a novena edición da Festa da Cacheira organizada no Centro Sociocultural desta parroquia pontecaldelana.
Este ano contou con récord de participación xa que os veciños aproveitan esta celebración para manter un encontro familiar e degustar produtos galegos de calidade relacionados coa gastronomía tradicional galega desta época do ano.
Ademais de cacheira, o cocido servido e preparado polos socios da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns estivo acompañado de carne de vaca de primeira calidade, costela de porco, xamón, touciño, chourizos de carne e cebolleros, patacas, verdura e repolo.
O "xantar" estivo acompañado de viños de casa, na súa variedade tinto e branco, que contribuíron a unha maridaxe extraordinaria digna de admiración dos comensais presentes que abarrotaron por completo, un ano máis, o aforamento do novo Centro Sociocultural de Forzáns.
Despois da sobremesa e o café, os asistentes gozaron dunha sesión de baile amenizada polo dúo "Oro Negro".
Os veciños aproveitaron a presenza do alcalde, Perfecto Rodríguez, e do voceiro municipal do BNG, Lito Muíños, para solicitar á Corporación a realización de varias melloras na parroquia, sobre todo relacionadas coa reparación do palco da música no Torreiro das Festas de Forzáns (campo de festas) lugar que adoita acoller a representación dunha obra de teatro, a misa ao aire libre e as consabidas verbenas durante as festas locais.
Tamén lle solicitaron o rexedor acceso a internet para este centro cultural xa que case unha trintena de socios (a gran maioría maiores de 60 anos) acaban de realizar un curso de informática do programa Pensa en Ti da Deputación de Pontevedra e aspiran a conseguir na nova edición destes cursos un sobre internet.
Tanto Perfecto Rodríguez como Lito Muíños se dirixiron aos presentes e felicitaron á Cultural pola súa actividade asociativa e dinamizadora da parroquia de Forzáns e se comprometeu a estudar as propostas recibidas co fin de, en caso de ser asumidas polo Concello, poder afrontalas no máis curto prazo de tempo posible.
Os veciños de Forzáns exaltan o sabor da "cacheira"
A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns celebrou a novena edición da Festa da Cacheira organizada no Centro Sociocultural desta parroquia pontecaldelana.
© Concello de Ponte Caldelas