O Camiño Portugués presume das súas camelias reais e pictóricas
Por Redacción
Numerosos pontevedreses achegáronse na tarde deste sábado 28 polo Hotel Galicia Palace para participar na Gala da Camelia no Camiño de Santiago, unha exposición organizada pola asociación cultural Amigos do Camiño Portugués a Santiago en colaboración coa Asociación Artístico Cultural de Pontevedra.
Entre os asistentes encontrábanse numerosos políticos como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o candidato socialista ás próximas eleccións municipais, Agustín Fernández ou a concelleira do Partido Popular, María José Rodríguez Teso ou o representante de Marea Pontevedra, Eladio Torres, ademais de numerosos artistas como os pintores Antón Sobral e Álex Vázquez. O presidente de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, exerceu de anfitrión na inauguración desta mostra.
As camelias que se expoñen proceden de Pontevedra. Santiago, Ponte de Lima, Barcelos e Esposende mentres que os cadros pertencen a 20 artistas da Asociación de Pintores de Pontevedra.
Tras a inauguración celebrouse a comida baile da Camelia coa participación de autoridades e representantes de Portugal. Este domingo 29, integrantes da asociación trasladaranse a Barcelos en Portugal para participar na inauguración da Exposición 'Camiño Portugués' que se realizará na cidade lusa.