Satse denuncia que o Hospital do Salnés se olvida de Paliativos
Por Redacción
O sindicato de enfermaría Satse denuncia falta de persoal na terceira planta do Hospital do Salnés, na que hai especialidades como a Unidade de Coidados Paliativos e de Cirurxía Xeral e Dixestiva.
Ese persoal "insuficiente" deixa momentos nos que hai tan só unha enfermeira e unha auxiliar para atender ata a 14 pacientes multipatolóxicos e de distintas especialidades, entre os que hai algúns de convalecencias de cirurxía maior e que necesitan monitorización continua.
A situación, segundo os profesionais, chega a supoñer unha "diminución da calidade asistencial que sofren os pacientes". Ademais, a delegada de Satse no Hospital, Alís Villar Vigo, mantén que "todo este caos" na unidade se traduce para os profesionais en "un empeoramento e vulneración das súas condicións laborais".
Ao respecto, indica que ao estrés dunha planta desbordada se suma que as quendas de traballo se ven alterados mes a mes, nalgúns casos con poucos días de antelación e mesmo con situacións de "ameazas e coaccións" que deixan aos profesionais nunha "dúbida continua que impide calquera organización dos permisos e conciliación da vida familiar".
O sindicato denuncia tamén a falta de material e medicación (agravada por un servizo de farmacia que non traballa en quendas de tarde, noite nin fins de semana), que os profesionais teñen que solucionar cotiamente mediante o préstamo e o troco con outras unidades do hospital, o que "carrexa outra perda de tempo máis nesta unidade tan necesitada del".
Por todos estes motivos, esixe un equipo axeitada ás necesidades reais da planta que devolva un servizo eficiente aos usuarios e aos profesionais as súas quendas e presenzas orixinais, así como unha supervisora de garda que estea de xeito presencial como no resto de hospitais da Área Sanitaria integrada.