Piden ao Sergas que non destrúa as mostras biolóxicas do Servizo de Anatomía Patolóxica
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
CIG-Saúde lamenta a destrución de mostras biolóxicas do Servizo de Anatomía Patolóxica, que segundo apunta a dirección dos hospitais de Pontevedra e O Salnés pretende facer, amparándose na falta de espazo e nunha lexislación que non obriga ao almacenamento máis alá dos dez anos.
A central nacionalista recorda que en Pontevedra xa temos antecedentes negativos no tratamento da información clínica co incendio que en maio de 2004 arrasou a nave da parroquia de Alba na que se almacenaban más de un millón de historias clínicas. A custodia daquelas historias estaba a cargo da empresa Severiano Gestión S.L. que é a actual adxudicataria da plataforma loxística.
Nun comunicado, a CIG sinala que o argumento de falta de espazo para almacenar este material, "non semella argumento suficiente para eliminar millóns de probas dun valor importante para a investigación clínica".
Entre outros argumentos este sindicato salienta a importancia material de todo este material para investigacións futuras.
RESPOSTA DO SERGAS
Desde o Servizo Galego de Saúde, trala denuncia da CIG, aseguran que no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra "consérvase e vaise seguir conservando" un amplo arquivo, tanto recente como histórico, de mostras de Anatomía Patolóxica.
Aínda que non existe unha normativa legal que obrigue á conservación deste tipo de mostras, o Servizo de Anatomía Patolóxica elaborou un protocolo no que, seguindo as recomendacións das sociedades científicas sobre a materia, se establecen amplos períodos de conservación de todo tipo de mostras e "só se prescinde daquelas que, debido ás súas características e elevada lonxevidade, carecen de valor para a investigación clínica", aseguran desde o Sergas.