1.856 establecementos da provincia están obrigados a dispoñer de seguridade privada
Por Redacción
Un total de 1.856 establecementos da provincia de Pontevedra están obrigados aplicar medidas de seguridade específicas das que se fan responsables empresas de seguridade privada. Trátase fundamentalmente de oficinas bancarias, xoiarías, estacións de servizo, farmacias ou administracións de lotaría e representantes de todos estes sectores de actividade déronse cita este luns na Subdelegación do Goberno en Ponteveda no marco da Comisión Mixta Provincial de Coordinación da Seguridade Privada.
Segundo informou a Subdelegación, durante a reunión repasáronse as principais cifras do sector da seguridade privada en Pontevedra, unha actividade na que traballan actualmente 1.265 persoas na provincia, entre vixilantes de seguridade, escoltas, detectives privados, xefes de seguridade ou gardas de campo, entre outros. Ademais, teñen sede ou delegación en Pontevedra 48 empresas de seguridade privada, entre as que se inclúen os servizos de vixilancia privada, centrais de alarma e axencias de detectives.
O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, presidiu a reunión da comisión, que xunta representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado cos representantes de diferentes asociacións e colexios profesionais da provincia, de empresas de seguridade privada, así como dos sindicatos UGT, CC.OO.y CIG e a asociación galega de gardas de campo.
O encontro serviu para analizar a situación actual da seguridade privada na provincia e estudar as modificacións normativas introducidas pola nova Lei 5/2014 de Seguridade Privada, aprobada en abril de 2014. A norma, que está actualmente pendente de desenvolvemento regulamentario, aborda aspectos como a loita contra o intrusismo profesional.