Anxos Riveiro cualifica como "auténticas burradas" as críticas do PP á falta de hixiene do Pazo
Por Alejandro Espiño
Afectados e "moi cabreados". Así están, segundo a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, os traballadores do Pazo da Cultura e do Teatro Principal, tras as declaracións de varios dirixentes do Partido Popular en relación ás condicións nas que se encontran ambas as dúas instalacións. Un enfado que comparten no goberno municipal, que chegan a cualificar estas palabras como "auténticas burradas".
Anxos Riveiro asegurou que se trata de acusacións "graves" e ante elas "non podemos consentir que se vaian de rositas", porque entende que "non hai explicación para o que fixeron". Cre que este tipo de declaracións, poñendo en cuestión a falta de hixiene das instalacións do Pazo, "fan dano á imaxe pública" deste organismo e embaza o estupendo labor que realizan todos os seus traballadores.
A edil de Cultura vinculou estas declaracións, realizadas por Luis Serantes e Rocío de Sinde e ratificadas posteriormente por Rafael Louzán, ao "nerviosismo" de que a tres días de celebrarse esta convención "non tiñan lugar para facela".
"Pensan que aínda son os reis do mambo na cidade de Pontevedra (...) e porque vaia vir Mariano a darlles un mitin temos que cerrar todo"
Desvelou ademais que os populares tiñan reservado o Pazo para o pasado 22 de febreiro, pero "non tiñan todos os candidatos escollidos" e cancelaron a data. Quixérono cambiar ao 1 de marzo, pero todo o espazo estaba xa reservado para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil e non se lles puido ceder. De aí que Riveiro sinalase que "naquel momento lles valía e agora non" e achaca esta negativa posterior a que "boten agora todas esas barbaridades enriba do Pazo".
Segundo a concelleira nacionalista, os dirixentes do PP "pensan que aínda son os reis do mambo na cidade de Pontevedra, cren que son gran cousa e que poden chegar a un espazo e porque vaia vir Mariano a darlles un mitin temos que cerrar todo, parar o Salón do Libro e abrirlles as portas e non, porque a prioridade son os nenos por riba deles". Reitera que "aquí non son máis que ninguén" e recorda que este mes o Pazo non ten "nin un só día libre".
Dende o goberno municipal destacan o grande investimento que, de forma periódica, se realiza nestas instalacións para mantelas nas mellores condicións e subliñan que "ninguén puxo nunca ningún problema" antes ou despois de utilizalas.