A CIG pide ao Concello e á Deputación que velen polos traballadores nas contratacións de obra pública
Por Redacción
O sindicato CIG presentou no Concello de Pontevedra e na Deputación unha proposta que esperan que se debata nos plenos municipal e provincial para que se inclúan cláusulas sociais nos contratos de obras do sector público. Así o explicaba o secretario nacional de CIG-Construción, Xosé Xoán Melón, acompañado por Xaquín Agulla e Manola Novoa no mediodía deste mércores ao indicar que os traballadores deste sector se encontran en condicións degradantes.
A central nacionalista realiza esta petición ao entender que a administración pública ten que xogar un papel relevante na xeración de emprego e por este motivo, reclama que se inclúan nas plicas dos concursos medidas que obriguen, entre outros puntos, a que as empresas concesionarias cumpran cos soldos que se establecen nos convenios colectivos, que se puntúen nos concursos de xeito máis elevado a aquelas empresas que realicen as obras sen acudir a subcontratas, que todas as empresas contratadas estean ao día coa Seguridade Social e con Facenda.
Ademais piden que as administracións eviten que se realicen horas extras nin xornadas de traballo durante os sábados, domingos e festivos para que, desta forma, se fomente a contratación: "Catro traballadores que fan 10 horas ocupan o lugar dun cuarto traballador", indicou Xosé Xoán Melón que reclama tamén comisións de seguimento das obras nas que estean incluídas os sindicatos, a administración contratante e a Inspección de Traballo.
Dende a CIG calculan que, a pesar das melloras económicas das que presume o Goberno Central, en aproximadamente dous anos apenas haberá movemento no sector da construción.