CIG denuncia a situación dramática dos traballadores da construción
Por Redacción
Dende o inicio da crise destruíronse no sector da construción na provincia de Pontevedra un total de 20.543 postos de traballo asalariado, o 55,76% dos existentes en 2007 (36.929).
O sindicato nacionalista CIG lamenta que a pesares dos dramas persoais e familiares que existen detrás destas cifras, as Administracións públicas "seguen a mostrar unha total insensibilidade ante os mesmos, permitindo que nas obras da súa titularidade se vulnere a lexislación vixente en materia de xornada laboral, impedindo deste xeito o acceso a un posto de traballo a algún dos milleiros de desempregados do sector".
Segundo esta central sindical en obras dos Concellos, Deputación, Xunta ou Goberno central "priman os prazos de execución por riba dos intereses dos traballadores". Sinalan que as sucesivas reformas laborais e da Seguridade Social levadas a cabo polo Goberno central golpean duramente os traballadores dun sector para o que non se prevén alternativas nin a longo prazo: á rebaixa das indemnizacións e ao recorte na contía da prestación por desemprego engádese o pasar de 52 a 55 a idade anos para poder acceder ao subsidio de desemprego, de especial incidencia nun sector onde moitos traballadores atópanse nese tramo de idade.
Tampouco ninguén contempla planes alternativos para paliar a súa situación nin se incentivan medidas para a creación de emprego como poderían ser medidas de estímulo a obras de restauración do patrimonio, de vivenda, de centros históricos, contornos rurais ou actividades similares.
A maiores, nun momento en que as noticias de fraude saltan en todos os recunchos do país, o habitual é que non se cotice nin a Facenda nin á Seguridade Social por estas horas extraordinarias, entre outras razóns explican "porque non se pagan, e si se pagan adoita ser en negro e en cantidades moi inferiores ás estipuladas na negociación colectiva".