Abanca detecta brotes verdes na pequena e mediana empresa
Por Redacción
O Plan Activamos que leva oito meses en marcha despois da firma dun acordo entre a Deputación Provincial e a dirección de Abanca está a ofrecer xa os seus froitos. Este mércores, o presidente provincial Rafael Louzán e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, presentaron os datos do primeiro balance deste programa de apoio financeiro que suma xa 1.850 operacións, das que máis de 1.700 se realizaron con pequenas e medianas empresas (PEMES), micropemes e autonómos da provincia.
Desta forma, xa se tramitou máis do 80% do importe que se comprometera no convenio para todo o ano por un importe de 70 millóns de euros. A maioría dos créditos destináronse a financiar novos investimentos empresariais, segundo indicou Santiago Novoa na rolda de prensa ofrecida na institución provincial e coincidiu co presidente da Deputación en sinalar que se ve que hai unha incremento de iniciativas empresariais. O importe medio do financiamento para estas propostas foi de 30.000 euros.
Máis de 120 familias de Pontevedra aproveitaron tamén as condicións ofrecidas a través deste programa de créditos para financiar obras, sobre todo, de mellora enerxética no fogar e en actividades formativas. O importe medio de créditos para familias situouse nos 8.300 euros.
Tamén as corporacións locais e organismos autónomos de Pontevedra recibiron máis de 4 millóns de euros dende o inicio deste programa, que serviron para financiar pequenas actuacións municipais.
Tanto Rafael Louzán coma Santiago Novoa mostraron o seu interese en que se renove este acordo que permite poñer en marcha pequenos proxectos relacionados co emprendemento.