A Deputación e Abanca poñen a disposición de empresas, familias e concellos unha liña de crédito de 50 millóns
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra e Abanca rubricaron este luns a quinta edición do seu Plan Activamos, un convenio entre as dúas entidades que permite poñer a disposición de familias, empresas e concellos unha liña de crédito en condicións vantaxosas para que poidan materializar os seus proxectos vitais ou empresariais.
En total, a entidade financieira concederá créditos por importe de 50 millons de euros, un máximo de 200.000 por operación.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, asinaron o convenio este luns e explicaron as características da iniciativa, da que a directora territorial do banco en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, explicou que pon a disposción de empresas, particulares e concellos fondos nunhas "condiciones muy ventajosas", "con tipo de interés preferencial, sin comisiones de estudio, amortización ni cancelación".
Este Plan Activamos comezou durante os anos máis duros da crise económica e Carmela Silva destacou que permitiu que puidesen facerse realidade "ideas que non tiñan recursos para converterse en proxectos", de modo que contribuíu a que a provincia de Pontevedra e o seu tecido asociativo tivesen máis oportunidades para saír da recesión.
Ademais, Carmela Silva destacou que a provincia pontevedresa lidera o número de operacións de crédito con Abanca, pois neste territorio asináronse o 40% de todas as rexistradas en Galicia. Á vista destes datos, e da análise da realidade socioeconómica, concluíu que "a nosa provincia estase a impulsar, volvemos estar en situacións de crecemento" e que este proxecto responde a unha demanda, pois " hai dinamismo, proxectos e ideas que precisan financiamento".
En total, nas súas catro edicións anteriores, este programa inxectou crédito por valor de 180,9 millóns de euros a empresas, familias e administracións locais, favorecendo 7.895 operacións de crédito, 1.810 tan só o ano pasado. Os dous últimos anos foron os máis intesos para este plan, pois concedeu créditos por máis de 56 millóns en 2016 e 44 en 2017, isto é, máis de 100 millóns en só dous anos.
Respecto diso, Carmen Fernández explicou que contribuíu de maneira "decidida" á mellora competitiva da provincia e que o 98% do crédito destinouse a autonómos e pequenas e medianas empresas.
Nesta quinta edición, o plan incorpora como novidades o incremento de 100.000 a 200.000 euros do importe financiable e o aumento dos prazos de amortización ata os 10 anos nos préstamos a pemes e autónomos.
En relación coas condicións xerais, mantéñense as bases de edicións anteriores. Para as pemes, micropemes e autónomos, principais beneficiarios do plan, aporta créditos para proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos empresariais, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos negocios e cobre tamén necesidades de circulante.
Para as familias, esta iniciativa de financiamento oferta préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións do rural. Ao respecto, Carmela Silva destaca que "temos un gran compromiso para manter a poboación e para iso a vivenda é un dos instrumentos fundamentais".
Os concellos tamén teñen á súa disposición préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e atender necesidades de tesourería, sen esquecer que teñen á súa disposición avales e liñas de confirming con tarifas especiais.