Duelo de bolsas de lixo na rúa Michelena
Por Natalia Puga
Lanzándose bolsas de lixo o un ao outro. Así localizaron os axentes da Policía Local de Pontevedra a dous mozos en plena rúa Michelena. Eran as 23.10 horas e tan só unha hora antes ambos os dous foran sorprendidos, xunto a unha terceira persoa, rompendo bolsas de residuos e golpeando portais e locais comerciais polas rúas Gutiérrez Mellado e Ferreiros.
Todo aconteceu na noite do luns. A través de avisos cidadáns, os axentes da Policía Local tiveron noticias das 'andanzas' dos tres mozos sobre as 22.10 horas. Tras recibir o aviso, desprazáronse ao lugar, pero tan só quedaba o rastro que deixaran: lixo tirado polo chan na rúa Gutiérrez Mellado, bolsas rotas e veciños molestos porque uns mozos estiveran a facer ruído ao golpear os seus portais e os escaparates dos baixos comerciais da zona.
Tan só seis minutos despois, os axentes localizaron os autores destes actos vandálicos. Estaban a repetir comportamento na rúa Ferreiros e un cidadán asegurou aos policías que eran os mesmos mozos que estiveran en Gutiérrez Mellado, de modo que os axentes procederon a identificalos e denuncialos ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra por actos vandálicos e alteración da orde públicos. Resultaron ser tres mozos de 16, 18 e 19 anos.
Esa mesma noite, pero unha hora máis tarde, volveron actuar. Unha patrulla diferente que estaba a realizar tarefas de prevención pola zona da Ferrería tivo coñecemento, a través dun cidadán, de que había dous mozos en actitude reprochable na rúa Michelena, de modo que os axentes se dirixiron ao lugar e víronos tirándose lixo un a outro e todo o ámbito cheo de bolsas rotas.
Cando os policías locais se achegaron para identificalos, un levantou o brazo con suposta intención de golpear un axente, de modo que se pediu unha patrulla de reforzo. Cando chegou a segunda patrulla comprobou como os mozos se enfrontaban aos seus compañeiros uniformados e lles gritaban. Esa segunda dotación policial, ademais, puido recoñecer os rapaces como os responsables da 'escena' dunha hora antes.
Os dous mozos foron identificados, pero un deles resultou ser menor, de modo que a Policía Local se puxo en contacto coa súa nai para que se fixese cargo del.