Fomento e a Deputación apostan polo potencial turístico dos castros e invisten 6,5 millóns
Por Redacción
Un investimento de 6,5 millóns de euros dará un impulso definitivo á recuperación e mantemento de 23 depósitos arqueolóxicos da provincia. Será posible grazas a un convenio de colaboracón entre o Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra que este sábado referendaron a ministra, Ana Pastor, e o presidente provincial, Rafael Louzán.
A importancia que ambas as dúas institucións dan á actuación quedou reflectida na posta en escena elixida para selar o acordo, un acto ao grande no Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra no que estiveron presentes practicamente todos os alcaldes beneficiados con moitas similitudes co realizado hai xa 19 meses polo mesmo tándem Pastor-Louzán para inaugurar o edificio Sarmiento.
Os 23 depósitos galaico-romanos que recibirán este lavado de cara están repartidos en 22 concellos da provincia, destacando nas bisbarras de Pontevedra, Umia, O Morrazo e O Salnés os de Castro de Pena Redonda (Ponte Caldelas), Castrolandín (Cuntis), Castro Alobre (Vilagarcía), Monte do Castro (Ribadumia), Adro Vello (O Grove), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), A Lanzada (Sanxenxo), Castro de Subidá (Marín) e Castro de Penalba (Campo Lameiro).
O "fuerte impulso" económico para o proxecto chegará en forma de 4,3 millóns de Fomento e 2,2 millóns da Deputación e ambas as dúas institucións pactarán cos distintos concellos a forma en que se acometerá en función das necesidades de cada depósito, todo enfocado no prazo temporal de catro anos. Realizaranse actuacións relacionadas con musealización, accesibilidade, mantemento, limpeza, dixitalización e, nalgúns casos, escavación.
Preservar para as xeracións futuras "el importante legado que nos dejaron nuestros antepasados" é, para Ana Pastor, un dos principais logros desta actuación, da que tamén destaca a "oportunidad" que supón para desestacionalizar o turismo. Para Rafael Louzán, este proxecto supón "unha aposta directa polo emprego" tanto no sector arqueolóxico coma no turístico, pois os recursos patrimoniais son "un eixo fundamental" na oferta turística das Rías Baixas e de toda Pontevedra.
A aposta da Deputación pola arqueoloxía tivo este sábado outro foco de atención, as tres novas salas arqueolóxicas do Museo Provincial, habilitadas no edificio Sarmiento e que se inauguraron de forma oficial cunha visita guiada de autoridades e, posteriormente, cidadáns anónimos ás 185 pezas albergadas.
As novas salas albergan unha exposición permanente con todos fondos que ata agora estaban repartidos por outros edificios do museo e permiten facer un percorrido por todos os períodos da prehistoria e historia antiga de Galicia dunha forma moito máis interactiva. Permitirá, en palabras de Louzán, "identificarnos aínda máis coa nosa provincia".
Relacionadas:
-
Comezan os traballos para conservar a escavación do Monte do Castro, en Ribadumia
Por Redacción |
-
A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción |
-
Prevén a limpeza, musealización e mellora dos accesos ao xacemento de Castrolandín
Por Redacción |
-
Fomento destinará 5 millóns de euros en 4 anos ao plan de recuperación e posta en valor dos castros
Por Redacción |