Prevén a limpeza, musealización e mellora dos accesos ao xacemento de Castrolandín
Por Redacción
O xacemento de Castrolandín será obxecto dunha serie de actuacións no marco do plan acordado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para intervir nunha serie de castros da provincia.
Así se destacou tras a xuntanza mantida entre o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; o concelleiro de Cultura e Turismo, Enrique Portela; e o tesoureiro da Fundación Terra Termarum, Mario Touceda; cos responsables de Turismo Rías Baixas e co arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez.
Desde o Concello consideraban esencial este encontro "tras a opacidade do anterior goberno municipal para informar sobre as actuacións previstas en Castrolandín, onde non contaron tampouco coa Fundación Terra Termarum, entidade esencial no proxecto de recuperación do Castro de Castrolandín e da súa posta en valor".
En principio, as actuacións previstas para Castrolandín limitaranse á limpeza, á musealización e á mellora de accesos, ao non haber posibilidades para a realización dunha campaña de escavación como se ten previsto en outros castros da provincia.
Tanto o representante da fundación coma os representantes do Concello abordaron as posibilidades reais de levar a cabo diferentes proxectos dentro das actuacións previstas, como a previsión de establecer un acceso ao castro polo interior da aldea de Castrolandín, así como a posta en valor do proxecto de recuperación de cerámica castrexa levada a cabo pola fundación e que é único en todo o país.
En vindeiras xuntanzas concretaranse as actuacións a levar a cabo.
Relacionadas:
-
Carmela Silva mediará con Fomento para incluír Castrolandín nos xacementos a recuperar
Por Redacción |
-
Cuntis estuda solicitar a declaración de 'Municipio Turístico'
Por Redacción |
-
Ponse en marcha o proxecto de recuperación dos xacementos arqueolóxicos da provincia
Por Redacción |
-
Fomento e a Deputación apostan polo potencial turístico dos castros e invisten 6,5 millóns
Por Redacción |