Protesta na Peregrina para dicir "nunca máis" aos circos con animais
Por Redacción
Co lema "Nunca máis circos con animais" integrantes do movemento cidadán Touradas fóra de Pontevedra sairon á rúa este sábado para denunciar a presenza na cidade dun circo que utiliza animais como reclamo e rexeitar que o Goberno local siga a permitir este tipo de actividades.
Touradas fóra de Pontevedra aproveita esta protesta na rúa, na praza da Peregrina, para reclamar ao Concello de Ponteverda que non permita que este circo se instale en terreos do término municipal e, en todo caso, impida que faga publicidade en espazos públicos, sexa polo medio que sexa. Tamén lle lembran que rexeitou unha moción que levaron ao pleno da Corporación para pedir que se prohiban os circos con animais en Pontevedra, unha medida que si que foi aprobada en localidades próximas como Vigo, Poio, Cangas ou Moaña.
Dende o colectivo sinalan que o circo Kaos estará instalado na zona de Mollabao entre os dias 13 e 22 deste mes de marzo e ofrece como reclamo tigres e leóns brancos en liberdade. Na súa opinión, tales anuncios, que se repartiron por toda a cidade, son "o colmo do cinismo" ao falar de liberdade sobre animais que están engaiolados, completamente fóra do seu hábitat natural e "sometidos a esa tortura denominada adestramento".
Lembran que os animais están forzados a participar no que eles chaman "suposto espectáculo" dedicado especialmente a nenos e denuncian que os circos con animais son unha atividade negativa para a educación dos mais pequenos porque "supón aprender a normalizar o maltrato aos animais".
Segundo indican, o uso de animais por parte deste mesmo circo xa foi denunciado públicamente en datas recentes durante o tempo que estivo instalado en Mos, pois aseguran que se detectaron situacións de falta de hixiene e espacio e os leóns, tigres e panteras atopábanse en "pésimas condicións".