"Hola, somos Tod@s por Pontevedra y nos presentamos a las elecciones"
Por Natalia Puga
"Hola, somos Tod@s por Pontevedra y nos presentamos a las elecciones". Ao micro, María Biempica, candidata á Alcaldía de Pontevedra. Detrás, a maior parte da lista que a acompañará nas eleccións do 24 de maio. E arredor foron congregándonse decenas de pontevedreses atraídos pola Speaker's Corner coa que o partido Tod@s por Pontevedra fixo pública a composición da súa candidatura aos próximos comicios municipais.
Dende que confirmara que concorrería ás eleccións e anunciara a marca elixida para a carreira electoral, moito especulárase sobre a lista que acompañaría a María Biempica. Este sábado despexou case todas as incógnitas, a falta dalgún dos nomes que pecharán a lista, que xa irá desvelando. De todos asegura que teñen en común que son persoas de Pontevedra que "sin querer nada a cambio formarán parte activa del futuro de la ciudad".
María Luaces, Yago Barreiro, Juan Virel, María José Castiñeiras, Guillermo Lariño, Dolo Castro Rial, Manuel Pajariño, Diego Luis Huerta, Inés Santamaría, Rosa Airas, José Manuel Carballal, Raquel Pedrouso, Ignacio Medina, Vanessa Barreiro, Carlos Dos Santos, Ciara Cabodevila, Marcos Almón, Cayetana Sánchez Alonso e Carlos Cons ocupan, por esta orde, do número 2 ao 20 da candidatura e boa parte deles viviron este sábado a súa posta de longo na praza de Ourense.
Recollendo as inquedanzas de todos eles, María Biempica explicou que se presentan por tres motivos: ilusión, cansazo e necesidade. Ilusión que non ven nos partidos actuais da Corporación municipal, dos que aseguran que "viven lejos de los probelmas de los ciudadanos y actúan de forma automática, en su pequeño mundo aislado de la realidad". Cansazo cara a unha política local onde "las ideologías determinan las acciones". Necesidade porque os pontevedreses "necesitan que la ciudad avance, que crea en sí misma" e "no podemos esperar sentados a que el futuro venga a buscarnos".
No seu discurso de presentación mostrouse especialmente crítica pola forma en que as distintas ideoloxías, sexan de esquerdas ou de dereitas, inflúen na política local actual. Fronte a esa situación, a ideoloxía de Tod@s por Pontevedra é "solucionar los problemas de las personas de Pontevedra" e piden "que no nos limiten las ideologías", pois, ao seu xuízo, "no necesitamos soluciones de izquierdas o soluciones de derechas, necesitamos simplemente soluciones".
As súas principais críticas tiveron dous focos de atención. O primeiro é o actual Goberno local, ao que critica por"lavarse las manos diciendo que generar empleo no es de su competencia" e advirte: "señor Lores, su tiempo ha acabado. Ahora escribiremos nuestro nuevo mañana". O segundo foco son os seus antigos compañeiros no PP local, aos que reprocha que boa parte deles "no tenían la misma prioridad que la mía, Pontevedra".
Asegura Biempica que ocupar un posto de concelleira "siempre me ha dado igual", pois o que ela sempre quixo facer é "ayudar a hacer de Pontevedra un lugar en el que se viva cada vez mejor, sobre todo un lugar en el que simplemente las personas puedan tener una vida". E nese punto houbo discrepancias cada vez máis palpables coa lista coa que se presentara ás anteriores eleccións municipais, o PP, que xa se fixeron insalvables no momento en que se votou en pleno a postura dos concelleiros pontevedreses ante o proxecto de lei do aborto do ex ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.
A entón concelleira do PP rompeu a disciplina de voto do seu partido para opoñerse á reforma. Foi, segundo recordou este sábado, "un voto, una diferencia, una realidad", pois ese acto simbólico supuxo un punto de inflexión no que xa non houbo marcha atrás e acabou deixando o grupo 'popular' e quedou como concelleira non adscrita. Esta mesma semana, o secretario galego do PP, Alfonso Rueda, reprochoulle a súa falta de principios nun acto público, crítica á que ela quixo responder porque "en mi opinión, y en la de muchos, es todo lo contrario, un tema de principios, una diferencia".
Relacionadas:
-
O picnic da discordia
Por Natalia Puga |
-
"Nós, a diferenza doutros, dependemos só de Pontevedra. Esa é a nosa fortaleza”
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
María Biempica presentarase ás eleccións baixo a denominación "Tod@s por Pontevedra"
Por Redacción |
-
María Biempica presenta a súa baixa como concelleira do Partido Popular
Por Redacción | Creada e actualizada
-
María Biempica rompe a disciplina de voto do PP e rexeita a reforma do aborto de Gallardón
Por Alejandro Espiño |