Sanxenxo será un dos puntos galegos de observación da eclipse solar do próximo día 20
Por Redacción
Sanxenxo é un dos oito lugares recomendados pola Axencia Galega de Turismo para visualizar a eclipse solar que se producirá entre as 9.00 e as 10.00 horas do venres día 20.
E é que Galicia será o punto de España onde mellor se avistará este fenómeno derivado do aliñamento da Lúa, o Sol e a Terra, que provocará que o noso satélite escureza, case por completo ao astro rei.
Para favorecer que veciños e visitantes poidan gozar dun acontecemento excepcional como este, Turismo de Sanxenxo e o CETS poñerán a disposición das persoas que se acheguen á Praza do Mar da protección ocular necesaria á hora de dirixir a mirada cara ao sol.
Así, serán duascentas as unidades de lentes colectivos que as técnicas de Turismo repartirán entres os interesados que se concentren no ámbito público situado no Porto Deportivo Juan Carlos I.
Iso si, dende a empresa mixta, conformada polo Concello de Sanxenxo e o Consorcio de Empresarios Turísticos, recomendan que o público que asista a esta cita acuda co seu propio dispositivo de protección por se a afluencia é maior que os lentes dispoñibles.
"Trátase dun aliciente máis para vir a Sanxenxo na ponte de San Xosé e poder dun espectáculo natural único", comentou a alcaldesa, Catalina González.
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
Con este motivo, Turismo de Sanxenxo convocará un concurso de fotografía no que poderán participar todas aquelas persoas que publiquen nas redes sociais desta sociedade mixta imaxes da eclipse tomadas no municipio.
O autor da instantánea que reciba un maior número de 'gústame' ou 'favorito' obterá un premio que consistirá nun menú degustación para dúas persoas que o galardoado poderá gozar nalgún dos restaurantes participantes en 'Sanxenxo Degustación'.
Turismo de Sanxenxo dará a coñecer nos próximos días as bases do concurso a través das redes sociais e da súa páxina web.