Así se viviu a eclipse de Sol en Pontevedra
Era unha das citas máis esperadas do ano e non defraudou a ninguén. Será difícil que, ao longo de 2015, haxa outro evento que xere tantas expectativas como a eclipse parcial de Sol que se puido ver no noso país na mañá deste venres. E con Pontevedra, entre as localidades onde mellor se puido contemplar este fenómeno astrolóxico.
A coincidencia cun día festivo axudou a que centos de persoas, moitas delas nenos acompañados dos seus pais, se achegasen dende primeira hora da mañá ata a Praza da Ferrería para ver a eclipse. Alí, a Asociación Astronómica Sirio establecera un punto de observación colectiva. A disposición dos pontevedreses houbo telescopios, prismáticos con filtros solares ou lentes especiais para poder velo sen perigo ningún.
A lúa empezou a cubrir a parte superior dereita do sol sobre as 09.05 horas. Nese momento, xa eran moitos os curiosos que se reuniran na céntrica praza pontevedresa. A medida que a eclipse ía avanzando, foron chegando aínda máis persoas, cumprindo as previsións dos organizadores do evento, que foron realizando amenas explicacións sobre o que se estaba a ver.
O máximo punto desta eclipse parcial foi ás 10.09 horas, momento no que se notou menos luz do habitual, pero non toda a escuridade que moitos nenos se imaxinaran. Eles eran, sen dúbida, os máis emocionados ante un fenómeno que non viran na súa vida -o último que se puido contemplar en Pontevedra foi fai xa dez anos-. Fóronse alternando cos telescopios e os lentes ata as 11.18 horas, cando todo regresou á normalidade.
Ademais dos dispositivos da Asociación Sirio, que tamén dispuxo unhas pantallas brancas para seguir a eclipse mediante sombras, evitando así calquera dano para a vista, foron moitos os que optaron por traer os seus lentes e telescopios de casa. Ou mesmo radiografías, lentes de soldar ou diferentes artefactos caseiros. Pero sobre todo, o que se puido ver na Ferrería foron moitas cámaras e móbiles apuntando ao sol. Ninguén quería perderse a oportunidade de inmortalizar este momento e compartilo nas redes sociais.
A pesar de que A Ferrería era o lugar aconsellado para ver este fenómeno, moitos outros pontevedreses optaron por buscar os seus propios puntos de avistamento como a Praza de España, o campillo de Santa María ou a zona de Eduardo Pondal, onde foi bastante común ver persoas cargadas con trípodes, cámaras e todo tipo de material para poder ver a eclipse en toda a súa plenitude.
En total, algo máis de dúas horas para considerar unha eclipse que non se volverá repetir ata o 21 de agosto de 2017. Entón será máis complicado velo, xa que coincidirá no noso hemisferio coa posta de sol. Para gozar dun similar ao deste venres haberá que esperar aínda máis, ata o 12 de agosto de 2026.
Relacionadas:
-
Ecos de sociedade
Por Redacción |
-
O ceo pontevedrés, todo un agasallo de Nadal
Por Redacción |
-
Todocosmos regresa a Sanxenxo o xoves cunha observación astronómica na Rosa dos ventos
Por Redacción |
-
Organizan un evento colectivo en Pontevedra para contemplar a eclipse de Sol do día 20
Por Redacción |
-
Sanxenxo será un dos puntos galegos de observación da eclipse solar do próximo día 20
Por Redacción |