A voltas coa area nas praias de Sanxenxo castigadas polos temporais
Por Redacción
A concellaría de Medio Ambiente de Sanxenxo xestiona ante o servizo provincial de Costas os permisos necesarios para acometer a redistribución de area nalgunhas praias, entre elas Silgar, Baltar e Areas, unha vez que se iniciaron as tarefas anuais de acondicionamento dos areais co obxectivo de preparalos para a campaña turística de Semana Santa.
O concelleiro José Luis Rodríguez indicou que se están a executar labores habituais que se realizan periodicamente en todas as praias. Non obstante, tamén apunta que nesta ocasión tras as últimas chuvias se encontraron con situacións "de maior calado".
O problema obsérvase en praias como Areas, onde as mareas vivas provocaron que coa preamar a auga chegase ata o regato modificando o seu leito. Por este motivo, o goberno local deberá redistribuír a area para devolvela ao seu lugar orixinal, unha vez que conte coa autorización do departamento estatal competente na materia.
Neste sentido, José Luis Rodríguez afirmou que solicitaron á Deputación de Pontevedra a maquinaria necesaria para acometer as tarefas que pretenden levar a cabo de xeito inmediato.