Pontevedra explica as claves do éxito da súa política feiral no "Spain Convention Bureau"
Por Redacción
Un reducido número de cidades españolas están a despuntar nos últimos anos polo despregamento dunha política feiral-congresual distintiva. Esta foi unha das liñas de debate do Foro MICE (turismo de negocios, incentivos e convencións polas súas siglas en Inglés), que se celebra este luns en Oviedo no marco da Asemblea Anual da "Spain Convention Bureau".
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, foi a encargada de presentar os resultados de Pontevedra, baseados na celebración de 22 feiras e congresos durante o ano 2014. Un saldo que foi posible despois da creación da Oficina de Congresos da cidade e un intenso esforzo de "comercialización" entre colectivos clave, como os colexios profesionais.
Pontevedra vén ocupando un oco, especialmente nos dous últimos anos, xunto con outras cidades de tamaño medio, entre elas Burgos, Ciudad Real, Elche ou Zamora. A nosa vantaxe, explicou Carlota Román, é contar cunha cidade atractiva, que é capital das Rías Baixas, e que, ademais, dispón dun Recinto Feiral e un Pazo de Congresos integrados no centro urbano. Os organizadores de congresos buscan, cada vez máis lugares con encanto, e os desprazamentos son un dos principais "handicaps" dos grandes recintos feirais doutras cidades, explicou Román.
Outro dos aspectos tratados foi a planificación do calendario. Neste eido, Román subliñou que eventos como ao Feira de Perruquería e Estética, acada unhas 8.000 visitas no mes de outubro e consegue altas ocupacións hoteleiras. O mesmo cabe dicir do certame gastronómico PontedeTapas que, precisamente este ano, foi o eixe da promoción turística de Pontevedra en Fitur.
Eventos singulares e atractivos son a clave deste novo estilo de programación feiral, que foxe dos salóns multisectoriais. Sen embargo, nun mercado competitivo resulta inevitable que haxa "copias" deste tipo de salóns ou actividades. En Pontevedra, exemplificou a concelleira, fomos pioneiros na organización dunha gala final dos concursos de tapas. Agora que a propia Axencia Galega de Turismo, ou sexa a Xunta, acolle esta idea para un certame de rango galego" non podemos senón sentirnos satisfeitos de ter estado á vangarda", dixo.
Finalmente, Carlota Román compartiu a opinión unánime, no marco do Foro MICE, no sentido de que é necesario reforzar a aposta pola colaboración do sector privado na organización de eventos. Debe haber un esforzo público, pero tamén unha colaboración privada, na medida en que o sector hoteleiro e hosteleiro é o principal beneficiado.
A "Spain Convention Bureau" é unha sección da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) dedicada en exclusiva ás cidades destino de eventos congresuais, feirais e de viaxes de incentivo. Máis de 50 cidades son socias, entre elas Pontevedra.