O PSdeG-PSOE homenaxeará a Pilar Lavía con motivo do Día Internacional da Muller
Por Redacción
A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Pontevedra decidiu outorgar este ano o seu premio do Día Internacional da Muller a Pilar Lavía, pola súa ampla traxectoria no Partido Socialista e na loita sindical e "por ser un exemplo de muller combativa e traballadora, un referente para as mulleres e os homes da agrupación", sinalan nun comunicado.
O acto de recoñecemento terá lugar o próximo luns 9 de marzo, ás 20.30 horas, na sede da agrupación local.
Pilar Lavía formou parte da primeira Comisión Executiva da Unión Comarcal da UXT en Pontevedra e foi a primeira muller en ser concelleira polo PSOE en Pontevedra entre 1983 e 1987 -ela entrou no ano 1984-. ÿ unha muller recoñecida pola súa loita en defensa dos traballadores de Pontesa, na que traballou ata o ano 1993, e pola súa intensa actividade política, sindical e veciñal desde os anos 70.
O PSdeG-PSOE de Pontevedra iniciou este recoñecemento o ano pasado homenaxeando a Margariña Valderrama. A idea xurdiu como unha forma de premiar a "todas aquelas mulleres que co seu traballo, compromiso e implicación contribúen a manter viva a Agrupación Socialista de Pontevedra".