Premian a Pilar Lavía, unha muller "combativa e traballadora", con motivo do 8 de marzo
Por Redacción & Mónica Patxot
Emocionada e orgullosa por unha longa bagaxe de servizo á comunidade. Así se mostraba Pilar Lavía tras recibir a homenaxe da agrupación municipal do PSdeG-PSOE con motivo do Día Internacional da Muller, celebrado este domingo 8 de marzo. Ela, líder veciñal dende hai décadas e a primeira concelleira socialista nos anos 80, foi a recoñecida este ano co Premio do Día da Muller.
O PSdeG-PSOE local elixiuna pola súa ampla traxectoria no Partido Socialista e na loita sindical e "por ser un exemplo de muller combativa e traballadora, un referente para as mulleres e os homes da agrupación".
Pilar Lavía formou parte da primeira Comisión Executiva da Unión Comarcal da UGT en Pontevedra e foi a primeira muller en ser concelleira polo PSOE en Pontevedra entre 1983 e 1987 -ela entrou no ano 1984-. ÿ unha muller recoñecida pola súa loita en defensa dos traballadores de Pontesa, na que traballou ata o ano 1993, e pola súa intensa actividade política, sindical e veciñal dende os anos 70.
No acto de homenaxe, Lavía destacou que o premio supón unha "alegría" e avanzou que continuará honrando o seu compromiso coa sociedade e que seguirá traballando -actualmente é presidenta da asociación de veciños Río Lérez- "hasta que no pueda más".
Aínda que xa quedan lonxe os seus anos na política municipal, segue tendo claros os seus ideais socialistas e ve no PSdeG-PSOE a mellor opción para "cambiar la situación actual", provocada, dixo, por unha dereita "que no nos deja trabajar".