A menor ingresada por unha posible meninxite dá negativo nas probas desta enfermidade
Por Redacción
Tras activar hai uns días o protocolo establecido ante a posible existencia dun caso de meninxite bacteriana na escola infantil do Toxo de Pontevedra, na tarde deste xoves sóubose que a menor de dous anos que se encontraba ingresada nun centro hospitalario da cidade deu negativo nas probas e cultivos realizados polos médicos, polo que se descarta que teña esta enfermidade.
Espérase que a nena, que se empezou a encontrar mal o pasado venres tras volver do colexio e foi trasladada ao hospital horas despois, poida ser dada de alta en breve. De feito, a súa evolución foi moi favorable nas últimas horas, segundo fontes próximas á familia.
Dende a Consellería de Sanidade, responsables da carta que se enviou aos pais de todos os nenos cos que a menor podería ter entrado en contacto en clase ou no comedor, sinalan que xa se comunicou ao centro escolar esta boa noticia para tranquilizar a toda a comunidade educativa.
Se ben, todo apunta a que manterán a vixilancia entre os compañeiros da menor que, en principio, é probable que sigan tomando o tratamento que iniciaron na última semana, aínda que esa decisión será tomada polos seus respectivos pediatras ou médicos de cabeceira.
Esta medida preventiva, aínda que xerou certa inquietude entre os pais, non alterou a rutina diaria desta escola infantil, xa que os nenos que estaban a recibir a medicación puideron acudir a este con total normalidade.
Sanidade explica que a activación deste tipo de protocolos adoita ser frecuente cando, nesta época de ano, un menor sofre algún problema de saúde que derive nunha infección respiratoria e, de entrada, se descoñeza a súa orixe. Trátase de episodios que, na súa gran maioría, non acaban relacionados finalmente coa temida meninxite bacteriana.