Alertan os pais da escola infantil O Toxo ante un posible caso de meninxite
Por Alejandro Espiño
A sospeita dun posible caso de enfermidade meningocócica na escola infantil do Toxo, situada na rúa San Roque, espertou as alarmas de toda a comunidade educativa.
Unha nena de dous anos encóntrase ingresada nun centro hospitalario da cidade. Segundo puido saber PontevedraViva, estaría a ser tratada por un posible caso de meninxite bacteriana. A menor empezouse a encontrar mal o pasado venres tras volver do colexio e foi trasladada ao hospital horas despois.
A Consellería de Sanidade remitiu un escrito aos pais de todos os nenos que comparten clase ou comedor con ela no centro para que acudan ao seu pediatra ou médico de cabeceira para estudar se é necesario administrarlles o tratamento que se dá nestes casos como medida de prevención.
O protocolo establece que a administración debe informar os pais, ao considerar que todos os compañeiros dun neno con meninxite son "contactos íntimos" do enfermo. Trátase de todas aquelas persoas que tiveron unha relación estreita, frecuente e prolongada cun destes casos nos dez días anteriores ao seu ingreso no hospital.
Eses dez días son o período máximo de incubación. No caso de desenvolver a enfermidade tras o contacto, o máis habitual é que sexa durante estes dez primeiros días.
Esta medida preventiva non altera a rutina diaria, polo que os nenos que vaian recibir ou estean a recibir xa o tratamento poden acudir ao centro escolar con total normalidade.