Dous presuntos narcos, xulgados en Pontevedra por un alixo de 3.000 quilos de haxix en Huelva
Por Natalia Puga
Dous veciños de Huelva foron xulgados este xoves na Audiencia Provincial de Pontevedra como presuntos responsable dun alixo de preto de 3.000 quilos de haxix que introduciron por mar dende a costa norteafricana e que foi localizado na propia Huelva. A situación do delito na provincia andaluza levou os seus avogados defensores a formular unha cuestión de competencia pedindo non ser xulgados polo tribunal pontevedrés, senón na provincia dos feitos, pero finalmente os seus intentos resultaron frustados e o seu xuízo quedou visto para sentenza.
Os avogados dos dous acusados, Benito G.M. e Juan Miguel M.V., formularon esa cuestión de competencia durante a fase de cuestións previas, pero o tribunal da Sección Segunda da Audiencia, que fixo un receso no xuízo para analizar estas e outras consideracións, concluíu que non cabía dirimir tal cuestión territorial porque ao longo da instrución dos feitos que se xulgaban xa se formulou unha posible inhibición, pero o Tribunal Supremo acabou ditando un auto no que declarou que o caso era competencia do Xulgado de Instrución número 3 de Cambados e non dunha sala de Ayamonte (Huelva).
O fiscal do caso coincide co tribunal e recordou aos avogados que a droga foi localizada en Huelva e os dous procesados detidos alí, pero Benito G.M. xa estaba a ser investigado previamente polas Forzas de Seguridade en Ponteveda. De feito, esta actividade de tráfico de drogas que agora se xulga foi resultado dunha investigación desenvolvida polo Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) de Galicia en torno a un grupo de narcotraficantes da bisbarra do Salnés (Pontevedra).
Os avogados defensores pediron tamén ao tribunal que anule as intervencións telefónicas que permitiron aos axentes facer seguimentos ás conversacións dos acusado nas que presuntamente organizaban o narcotransporte, pero o presidente da Sección Segunda, Xosé Xoán Barreiro Prado, decidiu dicir sobre a súa validez cando dite sentenza. Tamén analizará nese momento se neste procedemento xudicial houbo dilacións indebidas ou non.
O fiscal entende que houbo dilacións indebidas e pide cinco anos e dous meses de cadea para os acusados
Ambos os dous procesados sostiveron na sala a súa inocencia dos feitos que se lle atribúen, segundo os cales organizaron un alixo de 3.000 quilos de haxix, entre o 21 e o 23 de abril do ano 2009 transvasaron os fardos entre un pesqueiro e unha embarcación menor nun punto de altamar entre a costa norteafricana e a de Huelva e o barco rematou en Huelva, onde o intervnino a Garda Civil.
Benito G.M. só respondeu ás preguntas do avogado do outro acusado e explicou que establecera contacto con Juan Miguel M.V. para organizar un evento de pesca. O outro acusado si respondeu a todo o interrogatorio e negou en todo momento a súa intervención no tráfico de drogas, asegurando que as súas actividades "no tienen nada que ver con el transporte de droga ni nada similar".
Tras escoitalos a ambos os dous e aos axentes do SVA e a Garda Civil, o fiscal decidiu manter a acusación contra os dous, pero modificou a pena que lles solicitaba o entender que hai que ter en conta a circunstancia atenuante simple de dilacións indebidas. Pedía que cada un fora condenado a cinco anos e sete menos de prisión e o pagamento unha multa de sete millóns de euros, pero decidiu reducir a estanza no cárcere a cinco anos e dous meses.