O alumnado de cursos inferiores a 3º da ESO non poderá facer folga sen permiso paterno
Por Oskar Viéitez
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, referiuse á folga educativa convocada en toda Galicia contra o decreto que modifica os títulos de grao para recordar o establecido na lei, é dicir, que o alumnado de cursos inferiores a 3º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) non poderá facer folga sen permiso paterno.
"Está regulado os que poden ir á folga e os que non", sinalou José Manuel Pinal, "dende logo a responsabilidade é do centro dende o momento en que están alí" apuntou, pero na casuística concreta de cada menor recordou que "depende do curso no que están, xa que non é o mesmo un alumno de primeiro de Bacharelato que un alumno de primeiro da ESO que dende logo non pode ir á folga".
O pasado mes de xaneiro coñeceuse unha sentenza da Sala Terceira do Tribunal Supremo (TS) que resolvía que non cabe someter a autorización previa dos pais o dereito dos alumnos a partir de Tercero de ESO a decidir colectivamente a inasistencia a clase en sinal de protesta.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos fixo estas declaracións aos xornalistas presentes en Pontevedra durante a inauguración de Edugal, o Salón da Educación e Formación de Galicia.
José Manuel Pinal asegurou que "a motivación da folga non é compartida" pola Consellería "porque esto es algo sobre lo que todavía se está trabajando, es un proceso que no está finalizado ni muchos menos", ao seu xuízo "debería de haber un pouco máis de entendemento para poñer en común a posición de cada unha das partes e non irromper xa directamente cunha folga", concluíu.